Sempre me gustou a música. Case sempre estou escoitando música. Non a que emiten as emisoras de radio, senón a que fun gardando ó longo dos anos nas miñas casetes e nos meus CD. Por certo, tanto unhas coma os outros, só Deus saberá como estarán no faiado, á conta da calor e, tamén, do frío.
Sigo. Agora, toda esa música —minto: só aqueles temas ou bandas sonoras que me gustan moito— busqueina nun coñecido servizo de música dixital e, entre unhas cousas e outras, teño no móbil unha lista de case trece mil títulos ou temas.
Porén, a relación non queda aí. Porque, dun tempo para acá, deume por buscar e gardar nese servizo todos aqueles temas que aparecen nos libros que estou lendo. É certo que moitas das cancións que nomean os autores xa as teño porque, máis ou menos, todos intentamos escoitar os grandes éxitos musicais. Pero, como para gustos hai cores, sempre hai autores que falan de cancións que non coñezo ou que non teño.
E é aí cando me deteño na lectura, collo o móbil e busco e gardo ese tema descoñecido. Sen escoitalo, sen saber se me vai gustar ou non, pero confiando nesa ladaíña de que me gusta toda a música. Ou, polo menos, de que escoito toda a música: desde Sés ata os Rolling Stones; desde a música coreana ata Vangelis ou Morricone; desde Melendi ata Tom Waits; desde Barbra Streisand ata Chet Baker; desde unha muiñeira ata un vals, ou desde unha polca ata o jazz.
Estou lendo o libro “Donde termina el verano”, de Elma Correa, e xa anotei dúas ou tres cancións que nomea a autora.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 26 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario