lunes, 23 de agosto de 2021

ANSIEDADE

Quixen queimar a ansiedade, pero tiven medo a arder. Aínda que son algo (ou moito) nervioso, sei controlarme ben. Porque axiña razoo co ser ou non ser. As cousas son ou non son, e non hai outra. Nin a medias, nin sorte, nin peros, nin por se acasos. O asunto é ou non é. Por iso non debería ter ansiedade. Porque a ansiedade consúmeme os nervios. Faime dar voltas e reviravoltas, e case sempre me contradí os pensamentos: se ansío ir para o norte, ó instante véxome camiñando cara ó sur e ós catro pasos sento mirando con dirección oeste.


A ansiedade instalouse no meu peito e fíxome tremer as mans no traxecto que vai da saída á meta. E agora mesmo xa me está tremendo todo o corpo e o que máis, o que máis árdeme a carraxe. Dúas parellas que sentaron diante miña e que, ó falar, é coma se se acabara o mundo. É unha loita continua de a ver quen berra máis. Imposible concentrarse. Non me queda outra que facer unha paréntese para rematar este relato na casa. Porque, agora si que é verdade que queimaría de boa gana a ansiedade. Emporiso, se arde, non conseguiría rematar isto.

A paréntese foi de oito horas xustas e recoñezo que a ansiedade deulle xa paso á calma. Ás doce e media da noite estou só, na casa, e ninguén berra ó meu arredor; o silencio tan só se racha co jazz de Miles Davis. Sei que temos fama de falar moi alto, pero un daqueles tipiños non falaba, berraba de tal maneira que, a parte de non conseguir concentrarme, a súa voz perforábame os tímpanos. Agora, nin quero queimar a ansiedade nin vou arder na irritación, na cólera.


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 22 de agosto de 2021

Finca Fierro. Domingo, 22 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario