domingo, 29 de agosto de 2021

DESCALZOS E DE XEONLLOS

Falaba onte da preparación ou arranxo dalgunhas pistas, camiños e estradas con destino ó santuario dos Milagres e con motivo da súa peregrinación mariana. Tal preparación debíase a que entre o 30 de agosto e o 8 de setembro aumentaba de maneira demasiado considerable a circulación polas mesmas, tanto de vehículos motorizados como de cidadáns a pé. E quizais estes últimos fosen os que máis agradecesen ese amaño nas pistas da contorna. Porque, antigamente, moitos peregrinos e romeiros realizaban os seus percorridos a pé e descalzos. A xente “ofrecíase” á Virxe dos Milagres con tal fervor que daban por bo o sacrificio a base de sangue, suor e bágoas.


Por iso sempre me deu tanta rabia, tanta carraxe escoitar a xente baduar ou esbardallar contra certas relixións (principalmente a islámica), cando a nosa mesmo cometía ou deixaba cometer actos que se saen do común. De neno impresionaban as imaxes de peregrinos vendo como lles sangraban as plantas dos pés ou vendo a eses mesmos pés envoltos en farrapos de roupa para amortecer a dor e cortar o derramamento de sangue. Aínda que naqueles momentos case entendías esa fe porque, o ser humano, cando se ve contra as cordas bota man do imposible. Case podo asegurar que a fe era e é a angustia do medo. Porque hai medo ante certas situacións e axiña nos achegamos a alguén (neste caso a Virxe dos Milagres) para que nos axude a vencelo. O que ía descalzo estaba convencido de que tal sacrifico curaría a un enfermo terminal ou de que tal fillo aprobaría grazas á Virxe dos Milagres, como lle acontecía a miña Lola, que se eu aprobaba era grazas á Virxe, pero se suspendía, era culpa miña (neste último caso a Virxe, pobre, non tiña nada ver).

Ás veces, o fanatismo ou esa angustia ó medo ía moito máis alá da lóxica, cando, algúns, non chegándolles co sacrificio de ir descalzos, se deixaban caer de xeonllos á entrada da explanada ou mesmo desde a, hoxe, rotonda e facían desa maneira o percorrido ata o mesmo santuario. E sigo dicindo que, naqueles tempos, pensábase que era fe; hoxe, eu, máis ben catalogaría ese acto como flaxelación. Porque si, porque por moi ben que quedasen arranxados os camiños ou por moi limpa que estivese a explanada, sempre pillabas areíñas que che laceraban a saúde. Pero que importaba un regueiro de sangue ante a imaxe da Santiña do Medo!


Finca Fierro. Domingo, 29 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario