domingo, 22 de agosto de 2021

RACHAR PAPEL

Rachei o papel en catro cacho (que foron máis), que é o que se adoita dicir cando un escrito, ou unha nota, ou unha idea sae mal. A min non é que me saíse moi mal o que escribín porque practicamente aínda non empezara, pero, que queredes, facíame ilusión rachar o papel. Así, se alguén ve os anacos rotos ata pode chegar a pensar que son un perfeccionista escribindo poesía. Eu, que agora escribo sempre en prosa! Si, agora. Porque antes, moito antes tamén escribía poesía. Mellor dito: pensamentos plasmados nun papel, xa que... poesía, poesía, aquilo non tiña moito de poesía. Pero quen non escribe uns versos sendo novo, sendo mozo!


Non sei se non resgue máis papel; este papel mesmo. Para que me vexan e para seguir subindo un chanzo máis na presunta adulación. “Non lle debe saír o que quere dicir, que racha moito papel”. En principio, vou seguir. Tampouco é plan rachar por rachar, rachar por presunción. Pouco a pouco quedaría sen papel (que son eu sen papel?) e, sinceramente, non son dos que adoito rachar papel. Nin tan sequera dos que penso moito as cousas, de pulir as frases. Penso e, se me gustan medianamente ben, sigo a tónica de que a primeira idea é a que vale. E sen andar con días santos deixo caer a frase sobre o papel e que sexa o que Deus queira. Algunha vez, ó pasar a limpo o escrito (antes, na máquina de escribir; agora, no ordenador), corrixo algunha palabra, modifico algunha frase e quito ou engado segundo a extensión do escrito. Este relato, saíse ben ou mal, non o vou rachar. Amolaríame perder o tempo para nada.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 20 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario