lunes, 16 de agosto de 2021

CORRER PARA PERDERSE

Baixo o son musical dos ritmos africanos da película “Baraka”, botei a correr. Para escapar do sol. E aínda que hoxe non cae con tanta forza, é suficiente para chamuscarme a noca, a caluga por culpa dunha rapada que lle dei á cabeza. Tamén é verdade que non corrín tan só para fuxir do sol, senón que tamén corrín para perderme. De cando en vez gústame perderme; co medo, iso si, de que me encontren. Cando quero perderme é porque de verdade non quero que atinen de min, que ninguén saiba de min. Escondo entre matogueiras e túneles negros ou escuros, entre sabas de flanela e nos confesionarios das igrexas. Acocho onde non me vexan. O caso é que non me atopen.


Os ritmos africanos leváronme polas corredoiras dos soños e polos regatos desa inocencia que aínda non ten conciencia. Busquei con frenesí a Perla Negra de Jack Sparrow para esconderme nun dos seus camarotes ou na propia bodega (aínda que sexa abstemio e o cheiro do viño me confunda), pero o maldito Johnny Depp apareceu por alí e xa me amolou a película. Saín de mala maneira porque sabía que ese barco era o acubillo perfecto. Tiven que seguir correndo por entre os piñeiros dos Castros e cruzando estradas que, se as seguise, non me levarían a ningures. E eu o que quería, o que quero é atopar un sitio fixo no que ninguén me descubra. Ata de noite tiven que seguir correndo porque a lúa vella brillaba no firmamento. Empezo a desesperar. Non consigo perderme. Ó mellor con quedarme en silencio paso desapercibido. Vou probar. Silencio.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 16 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario