miércoles, 25 de agosto de 2021

SAÍR

Tan axiña como rematou a etapa da Volta Ciclista a España, saín. Saín ó sol. Saín á rúa. Saín porque tiña que saír. Saín para non quedar pechado. Pechados só están os presos e algúns canarios nas súas gaiolas. Pechados están algúns pensamentos ou sentimentos que, ás veces, cando saen é coma se rebentara o mundo. Coma se rebentara de felicidade, se entende. Pechadas están algunhas ideas ou maneiras que cando lles abrimos a porta semella que se agariman, que se achegan á maldade. E antes de que a maldade se faga dona e señora da misericordia, o mellor é saír.


Tamén saín para escoitar polo camiño a Serrat, e a Milladoiro, e a Víctor Manuel, e a Leonard Cohen, e a Guadi Galego, e a Metallica, e a Aretha Franklin, e un tema da banda sonora de “Baixo o fogo”. Saín para ver como cruzaban correndo no atallo tres ou catro lagartiñas que estaban ó sol. Fuxían de min por medo. Non tiñan por que. Non son quen de molestar a ningún ser vivo do planeta Terra. Antes aínda cazaba moscas coa man (o mestre de “achapar” moscas, escribiu unha vez unha das miñas sobriñas), agora xa nin iso. Sei seguro que, ó pouco de pasar, as lagartiñas volverían a tomar o sol.

O sol tamén sae. Sae por Antequera e ponse polo outeiro de Brandín. Eu saio pola porta da casa e a pena é que teño que volver entrar por ela. Din que todo o que entra sae. Hoxe xa non, pero mañá... mañá vaia se saio! Lembrade que pechados só están os presos ou reclusos e algúns canarios. Eu son libre e non son ningún paxaro.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 25 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario