O debate iniciouse polo nome, en galego, que se lle daba á acción de facer que solte a tinta ou a cor [unha cousa que estaba tinguida], que, na nosa parola en concreto, era unha prenda de roupa. Realmente é destinguir e, como sinónimo, destinxir.
Porén, o coloquio derivou cara ó uso que lle dabamos cada un dos participantes, que, por desgraza, non era o de destinguir, ou sexa, o real. Eu sempre dixen “destiñir” (non destinxir), influenciado por suposto polo castelanismo que nos meteron á forza. Coido que incluso algunha vez puiden deixar caer “distiñir”.
Unha das persoas do faladoiro, da zona de Lobios, comentou que por alá sempre dicían “desbotar”, que, en galego, significa realmente “non aproveitar ou non aceptar [unha cousa]”. Foi a partir de aquí cando souben, certamente xa hai tempo que o sei, polo que case é mellor entón dicir cando confirmei a riqueza da nosa linguaxe. Poida que, lingüisticamente ou gramaticalmente, moitas palabras sexan erróneas por influencia de... Pero aínda así deberiamos aceptalas porque sempre teñen un algo con respecto á súa procedencia ou ó seu uso.
Hoxe en día —por aquilo dos arquivos dixitais— todos os dicionarios deberían aceptar aquelas entradas erróneas, coa súa correspondente explicación, por suposto, para saber das costumes, dos hábitos, dos usos doutros lugares. Eu teño unhas cantas de exemplo pola zona de Baños de Molgas, que usamos pero que non saen no dicionario da RAG, que por falta de espazo deixarei para outro Pingas.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 20 de xuño de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario