Corrín tanto polo Gran Canón do Colorado, alá polos Estados Unidos de América, que, sen decatarme, case nun suspiro, aparecín gozando do aire de san Bieito da Cova do Lobo, acá, no Barbadás da España Imperial. Agora mesmo xa non sei se cheguei realmente correndo, en avión ou soñando. Sei, iso si, que case tropezo co penedo do Tangaraño e que no momento de notar onde estaba, foi coma un orgasmo mental que incluso me fixo dubidar da miña realidade. Non me cadra que empezase a correr do outro lado do charco e que rematase á beira da capela do san Bieito. A distancia é considerable. Claro que, o que non me suceda a min, non lle acaece a ninguén.
Aproveitando entón que estaba nunha zona ben bonita, subín ó propio penedo do Tangaraño para berrar. Berrei tan forte que mesmo me choutaba a suor de todos os poros da pel. E o nunca visto a causa do berro (ó mellor foron moitos berros; este cacao mental...) asomaron por alí unha parella da garda civil, un garda forestal que semellaba que estaba a velas vir, os de protección civil e mesmo o cura párroco da capela, que pensara que me caera o santo enriba.
Logo de tranquilizalos, expliqueilles o asunto e díxenlles que o gozo fora moito, que eu sabía moi ben que empezara a correr no quilómetro 4 do Gran Canón do Colorado e, claro, verme na miña terriña alteroume un pouco os sentidos. Todos, absolutamente todos me miraron de mala maneira. Aínda que, eu, coma se vira chover; amosaba un enorme sorriso nos beizos e acabei insinuándolles que intentaría multiplicar os peixes e os pans, é dicir, que miraría se saborearía unha vez máis o éxito facendo o camiño á inversa. Dito e feito; corrín tanto pola explanada da Cova do Lobo que nun amén aparecín no quilómetro 110 do Gran Canón do Colorado. O gozo foi enorme.
Café Chechu. Ourense. Mércores, 13 de novembro de 2024
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 14 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario