martes, 12 de noviembre de 2024

UNHA E MÁIS NADA


Cortei o cordón do embigo que me unía ó cortello dos porcos. Pasei para a corte das vacas. A diferenza é pouca, pero esta cheira menos que aquel. Son o fillo da Paxarola, a muller do Alabastro, e todos me chaman Agapito, O Pito. Non sei dicir os motivos dos alcumes dos meus pais; ela chámase Manuela e el Manuel. Sinceramente, case prefiro que lles chamen da outra maneira; distínguense mellor.

Segundo me contou miña nai unha vez que estabamos os dous á sombra duns amieiros que estaban á beira do río Arnoia, nacín por enriba do cortello a iso das cinco da mañá. Agora entendo perfectamente o meu achegamento ós porcos. Porén, xa era hora de que cortase tal vínculo. Acabo de facelo ós corenta anos.


Meus pais non me deron estudos porque eu non quixen estudar. Segundo me contou agora meu pai, o primeiro día que me levaron ó colexio chorei tanto que lles dei tanta pena que botaron man desa expresión que di “unha e máis nada”. En principio, non sei nin multiplicar. Iso si, sei contar os marráns (dous) e as vacas (tres). Teño un can que se chama Evaristo. Ás veces, cando xogo con el, dígolle: Evaristo, es moi listo. Eu río, el dálle ó rabo e o burro mira para nós e ornea. Si, tamén teño un burro e cinco pitas. Nada máis. Tiña coellos, pero como meus pais viron que me custaba contalos, desfixéronse deles. Fartámonos de comer coello.

Librei do servizo militar grazas a que xa non o había. Ás veces oio dicirlles ós amigos, ás agachadas, que libraría igual por parvo. Creo que se pasan un pouco. Poida que sexa medio parvo, pero enteiro sei que non. Souben desvincularme do cortello dos porcos e evitar o colexio.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 11 de novembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario