viernes, 25 de julio de 2025

A ENCARGA


De cando en cando dosifico as forzas botándolle un trago de auga e mastigando media mazá. Levo cinco días e medio cavando un pozo nun recanto dunha finca de Aurelio, O Saltón. El mesmo me contratou para que lle buscase, seica, un tesouro que enterraron alí os bisavós dos seus bisavós, é dicir, nos anos do tempo dos mouros.

A encarga sooume máis que estraña, pero como el é o que paga... O que pasa é que empezo a cansar de tanto cavar. Porque o fago, non seguindo un horario, senón de continuo, de seguido, de día e de noite. Só fago eses pequenos descansos para dosificar un pouco as forzas e para beber e comer algo. Que un non é de pedra.


En cinco días e medio atopei de todo. Non se pode imaxinar un a clase de bichos existentes a tantos metros de profundidade. Metros que, abofé, xa hai tempo que perdín a conta. Pois, aclarando, toda a cavadura vai a man. É dicir, que teño que sacar a terra cavada en cestos e subila por unha escada de madeira á que lle teño que engadir chanzos cada dous por tres. Cinco días e medio dándolle ó sacho é moita cavadela e moita fondura de cristo.

Tanta fondura na que, o tesouro, por agora, brilla pola súa ausencia. Porén, mentres O Saltón pague... Eu sigo dándolle ó sacho e á pa, sigo subindo e baixando chanzos e sigo, ós cachos, dosificando o esforzo. Ás veces O Saltón vén falar un pouco comigo e perdo máis forzas berrando que cavando; á hostia de metros de profundidade hai que berrar. Sigo na procura de, paréceme a min, un tesouro inexistente. Pero...


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 22 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario