lunes, 21 de julio de 2025

IMPACTO PSICOLÓXICO


Vindo de camiño para a terraza dun café veume á cabeza unha nova que aparecera hai tempo en algúns xornais sobre o famoso apagamento que sufriramos o 28 de abril. Seica o 61,8% da poboación sentiu medo durante esa “catástrofe”. O impacto psicolóxico, polo que se ve, foi enorme. Estamos perdidos!

Ante isto, a memoria escaravella na cabeza e penso naquela idade na que non tiñamos luz nin aparellos informáticos con que matar o tempo. A claridade era un candil ou un farol ou unha simple vela de cera que había que apagar, tanto uns coma a outra, para non gastar, para aforrar. Todo o demais se realizaba ás cegas ou por intuición.


Matar o tempo. Tampouco había tempo para matar o tempo. Os exercicios ou contas (hoxe, deberes) e as labores agrícolas non deixaban a un moi libre. Logo, para máis carallos, polas noites, había que rezar o rosario. Miña nai era de misa diaria e rosario nocturno.

Os momentos nos que se podía saír a xogar ás airas eran poucos e moi curtos. E co oído presto a unha chamada da nai. Certo que eses dez, vinte minutos valían máis que todas as calamidades restantes, incluso máis que algunhas labazadas extras por non obedecer á primeira chamada.

Impacto psicolóxico do apagamento. Na miña época da nenez tal estrés psicolóxico estaba na maldita educación, non só da miña nai (á cal, pobre, agora mesmo lle estou agradecido), senón tamén na sociedade daquel tempo. Aquela ditadura, aquela costume social de endereitarnos como fose, facía que mesmo desexase que lle ocorrese algo grave. Pobre. Pobre ela e pobre a miña inocencia. Naquela infancia o impacto psicolóxico non era a falta de luz.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 18 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario