Arrinqueille as tripas ó espírito maligno que me molestou. Eu estaba sentado todo tranquilo nas escaleiras exteriores da casa da Emilia, a muller do Honorato, o home que marchara para Cuba (iso dicían) e non volvera nunca máis. Deixara muller e oito fillos a cargo da pobre Emilia, pódese dicir que no máis completo abandono. Certo, eran outros tempos.
Digo que apareceu o espírito maligno e axiña notei que me miraba de través. Non me gustou a súa presenza. Emporiso, nada fixen e nada lle dixen. Foi el o que empezou a tocarme a moral. A falarme dos tempos que foron e dos que virán. Os actuais eran a escaleira da Emilia, nós os dous e a parola del. Eu calado. Eu aguantando a súa verborrea: que se a noite empreña escuridade, que non son tantas as noces como as voces, que non todo o mar é peixe, que o silencio racha cun berro ou “cun ouleo”, recalcou. Non entendo por que recalcou o ouleo. Se cadra pensaba que eu era un lobo.
Seguín mudo. Non quería darlle pé a que me seguise matando a cabeza. Porén, el arre que arre: que se o río soa é porque auga leva. “Ou non”, non aguantei máis e xa lle contestei. O que quedou mudo agora foi el. Razoeille que o río Arnoia tiña sitios nos que, aínda con auga, ía tan calmo que non facía ruído.
Que mal lle sentou que lle rebatese a súa expresión, o seu dito. Empezou a esbardallar e a alporizarse de tal maneira que souben ó momento que nos enlearíamos. Nin conseguín rematar o pensamento. Quixo saltarme na aña, sen saber moi ben con quen topaba. Agora mesmo estoulle arrincando as tripas baixo unha inocente calma e, iso si, cun pequeno ouleo cando vin que tal espírito maligno xa era historia.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 25 de xullo de 2025
Foto: Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario