Somos bastante (máis ben, moito) irresponsables. Por presumir, por darnos a ver, por chamar a atención, por facer alarde de, cometemos actos esperpénticos, irracionais, impulsivos que mesmo nos levan á morte. Autorretratos en sitios máis que perigosos. Mergullos ou baños nas praias máis alá dos límites debidos. Saltos ó mar ou a ríos desde alturas inmensas. O outro día, un rapaz de 14 anos choutou a un lago de Catoira cun fondo, seica, descoñecido, onde atopou a morte.
Furgando un pouquiño pola Internet asoma que entre 2008 e 2021 rexistráronse unhas 15 mortes en España relacionadas con autorretratos en lugares extremos. A última documentada ocorreu no setembro de 2021, cando unha moza ucraína de 26 anos perdeu a vida ó caer desde o miradoiro do Castell de Benidorm, a uns 30 metros de altura, por querer facerse unha foto.
Isto das mortes accidentais por facer gala de... virilidade, chulería, fanfurriña, bravata lémbrame a manía, a teima de verán na ponte vella de Baños de Molgas, desde na que, todos os anos, algúns mozos lánzase ó río Arnoia desde o peitoril da parte de arriba ou do leste. Aquí o problema quizais non estea na propia altura, senón máis ben na profundidade do río. Aínda que nesa zona da burga ten a súa profundidade, hai que lembrar que nos meses de xullo e agosto o caudal deixa moito que desexar. Certo que os mozos se tiran de pé, pero aquilo de que tanto vai o cántaro á fonte... non sería de estrañar que algún ano a algún “valente” se lle escangalle a columna vertebral. Despois será cando botemos as mans á cabeza. Agora que é certo, onde non hai cabeciña, pouco se pode botar. As fanfurriñadas están cheas de contrariedades e lamentos.
As mans á cabeza tamén as hai que botar estes días ante os procederes da Comunidade Europea. Por exemplo ante a resolución máis recente: que por sétima vez (creo) volveu aprazar a proposta do uso do galego, catalán e éuscaro. Unha das alegacións é, por suposto, a económica. Para a cultura, para a educación, para a lingua os cartos míranse con lupa, do dereito e do revés, mentres que para a Defensa, para armas hai que comprar e comprar; non vaia ser que nos ataquen os árabes, os rusos ou os extraterrestres. Os ianquis son amigos.
Tamén o sector primario se pode xunguir co cultural e co educativo, xa que a Comunidade Europea rebáixalle un 20% ós fondos da PAC (Política Agraria Común) do noso país. O dito: os sectores máis importantes da sociedade minguan ante o poder das armas, que son as que dan os cartos. Todo o demais é perda.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 19 de xullo de 2025
Foto: Ponte vella de Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario