domingo, 20 de julio de 2025

UN É COMO É


Son o home que me meto debaixo da ponte de Pinouzos para escoitar a música de Morricone. Cando canso marcho para Barricovos e, subido a un dos seus penedos, canto catro temas de Sabina. Vexo como os fentos bailan ó ritmo dos meus ergutíos. O can dálle ó rabo e, de cando en vez, unha nube negra cruza o ceo molgués.

Chámome Robustiano Suárez Currás. Todos me chaman O Caxato. Son delgado coma un caxato. O alcume non me molesta porque un é como é, ou como o botaron a este mundo. A min botáronme o ano en que a porca de Sergio, O Pardal, empreñou cun xabaril. Por certo, a porca pariría unha mestura de porquiños domésticos e porquiños bravos. O asunto seica trouxera o seu aquel. Incluso certas personalidades políticas e mesmo relixiosas se achegaron para ver o nacemento, aproveitando, iso si, a que estaban tomando as augas no balneario de Baños de Molgas. Diso xa choveu.


Porque paso dos 60 e dentro de catro chegarei ós 70. Non coñecín outra vida que a de xogar polas airas, cavar as fincas, rozar os toxos e andar no monte con tres vacas, un burro e lembro que, ó principio, cando aínda era un cativo, unha ovella. Tamén sempre tiven porcos e porcas, aínda que estas souberon comportarse e non se desmandaron buscando algún porco... bravo.

Deixo o eco de Sabina cruzando a Porfía e marcho para a casa escoitando a Manolo Escobar, que non todo vai ser xente de armas tomar. Cómpre algo de folclore nacional. Entro na vila, pola Cagalla, cantándolle un responso a un gato que se atopa morto debaixo do canastro de Ricardo, O Peregrino.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 17 de xullo de 2025


Foto: Ponte de Pinouzos (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario