Por fin atopeino. O sapoconcho que andaba buscando. Levaba anos detrás del. Cando o deixei na horta, alá a mediados de 1970, púxenlle de nome Evaristo. Para distinguilo das outras tartarugas. Como sei que viven moitos anos e polo que sigo dálle que dálle na súa procura. A finca non é que sexa moi grande, pero só é cuestión de que se busque algo para que non apareza. Como ó revés, cando non buscas, o san Antonio de Padua fai milagres, e sen llos pedir.
Custoume pero ó final dei co sapoconcho. Por casualidade. Por azar. Porque vin mover unha folla dun repolo e estrañoume. Non corría nin un corisco de aire! Como un alustro pensei no Evaristo. Alí estaba! Estaba a comerme o repolo! Non me importou. É máis, collino e deille un bico nos fociños. Non se encolleu. Eu ben sabía que me coñecía. Pola voz. Os sapoconchos son listos.
Como levaba 55 anos sen saber del, agarreino e leveino para a sombra dun fatoeiro, onde lle contei a miña vida de pe a pa, de cima a cabo, de punta a couce. Penso que cando ía pola miña etapa de funcionario lacaceiro, foi cando se encolleu, cando se acochou e creo que se botou a durmir. Uns pequenos ruidiños déronme a entender que roncaba.
Así a todo, eu seguín co meu ritmo biográfico. Pouco a pouco fun eu o que empezou a topenear. Tombei no chan. Cando espertei, o fociño do sapoconcho estaba a bicarme nos beizos. Non llo tomei a mal. É máis, rin eu e riu el. Ó pouco deille permiso para marchar, pero coa promesa de non tardar tanto en atopalo de novo. Polo menos, eu, 55 anos máis non os aguanto nin de carallada.
Café Kibu. A Valenzá. Luns, 21 de xullo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario