Andei perdido. Quixen facer unha andaina chitoliana, pero nin sequera baixei do coche. Nun certo lugar non collín o desvío correcto, non souben por onde tirar e mandei todo para aquel sitio onde as costas perden o seu honesto nome.
A culpa foi miña, si, porque saín da casa tan precipitadamente que non estudei ben o traxecto. Eu, como paso dos GPS, son máis de mapas, que intento analizar a fondo. Aínda así, case sempre erro en algo. Imaxinade se nin sequera estudase as estradas polas que teño que ir.
Ademais de todo iso, tampouco me preocupou demasiado o erro nin a perda. Pensei que, mesmo chegando ben ó destino, ó mellor non facía falta tal andaina, porque vía perfectamente as nubes de treboada que xa se estaban apoderando do lugar. Seguro que non me arriscaba a que, nun momento dado, me puxese pingando. E menos en sitios que non coñezo ben.
Porén, o cabreo e a carraxe quixeron metérseme nas entrañas, mais non os deixei: ás veces préstame andar por onde nunca andei, coa sensación de estar descubrindo lugares novos. Logo, para máis aquel, e como o meu é conducir, mel nas filloas ou ouro sobre azul. É dicir, que o importante era saír dar unha volta co coche e ir por sitios polos que nunca pasara nin circulara.
Tamén se deu a coincidencia de que me divertín escoitando pola radio o partido de fútbol entre o Raio Vallecano e a Real Sociedade, que no segundo tempo tivo de todo: goles e moita polémica nos doce minutos de desconto.
Café O Liñar. A Valenzá. Domingo, 26 de abril de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario