miércoles, 6 de agosto de 2025

ÁS DEZ E...


Ás dez e media da mañá é unha boa hora para recibir un xiro. Iso dicían antes. Tamén é unha boa hora para contemplar o universo e pensar nos biosbardos. Calquera hora é boa para darlle ós esperpentos. Eses nos que o tempo pasa, e así e todo, nada cambia. Hai esperpentos que furgan nas conciencias nocturnas. Polo día as conciencias, os sentidos non se alteran.

Ás dez e trinta e seis minutos a música de Vangelis lévame pola beira esquerda do río Arnoia ó seu paso pola Pitediña. O Arnoia, por aí, vai bastante calmo e a paisaxe é propensa a soñar esperto. Soñar esperto é bonito.


Ás dez e trinta e oito minutos contemplo o bambán das follas dos amieiros e sei que, algunha delas, voará pola atmosfera da memoria, aquela na que todo está para que o tempo se volva pasado, para que do pasado aboien os recordos e para que os recordos gocen o momento. Dicía Einstein que os recordos son enganosos porque están coloreados cos eventos do presente.

Ás dez e corenta e un minutos todo segue máis ou menos igual; os esperpentos facendo das súas e o tema de amor de “Blade Runner” alza, ergue, eleva a Vangelis ó olimpo dos mestres, quizais o tema de amor máis bonito de todas as bandas sonoras cinematográficas.

Ás dez e corenta e tres minutos rematan os esperpentos dunha mañá con sol, dunha mañá con barullo, dunha mañá con présas ou con demasiada parsimonia, dunha mañá de agosto, mes no que está o segredo dos doce meses completos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 1 de agosto de 2025


Foto: O río Arnoia ó seu paso pola Pitediña (Baños de Molgas)

martes, 5 de agosto de 2025

SAN SALVADOR DE BAÑOS DE MOLGAS


As relixións sempre foron o mal, aínda son o mal de moitas contendas e cada vez creo menos nelas. En realidade, xa non creo nada. Pero a virxe d´Os Milagres e san Salvador de Baños de Molgas van moito máis alá do meu agnosticismo. Teñen outro significado que pouco ten que ver coa relixión. O que menos, o san Salvador. Porén, para min, está por enriba da propia santiña do Medo. Porque é o patrón de Baños de Molgas, o meu lugar de nacemento, o meu todo, e aínda que leve xa case media vida sen vivir nel.


A virxe d´Os Milagres representa todo o que se queira en toda a contorna molguesa e, o día 8 de setembro, para a maioría, é sagrado, como sagrados foron os oito anos que me tirei nese colexio. Pero o san Salvador de Baños de Molgas é o meu patrón, o santo que conviviu a pouco menos de dous metros da miña casa, o santo ó que non lle perdoo a procesión, aínda que, despois, a misa quede tan só no recordo daquela infancia na que a nai, iso si, me facía cumprir co deber de escoitala, ou polo menos de asistir a ela.

Fixádevos que digo sempre san Salvador de Baños de Molgas. Sei que hai moitas parroquias que teñen de patrón a ese santo, pero a min só me interesa o da miña vila, o meu, o dos molgueses. É o noso día.

Ver como sae a percorrer as rúas de Baños de Molgas, co seu acio de uvas colgado e bambeando da súa man dereita, e acompañalo durante todo o traxecto baixo o repenicar (a man) das campás, é a miña relixión anual. Por moito que xa non crea nela, nelas. Poida que non me lembre máis do san Salvador durante todo o resto do ano, pero o próximo 6 de agosto, todos os 6 de agosto, son o Día de Baños de Molgas, a miña vila.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 4 de agosto de 2025

lunes, 4 de agosto de 2025

POR COMODIDADE?


Son o que corta o bacallau. É mentira; eu nin pico nin corto. Como moito corto algunha cabeza co fouciño que teño na palleira de Baños de Molgas. No palleiro de Macendo teño unha poda que tamén vale para tallar cabezas.

Non obstante, e falando claro, nunca me gustou decidir —quizais por comodidade— nin mandar, case case nin opinar. Eu si son un mandado; deixo que calquera sexa o amo do curral ou o galo do poleiro. Para ben e para mal. Son coma ese moble ó que arrastran dun recanto ó outro, coma ese cero á esquerda que non vale nada. Ás veces tan só observo e, de cando en cando, pingo verbas de orballo sobre un papel a cadros. Que tampouco adoitan dicir moito. Son coma o dono: aí, palabras de orballo caídas no baleiro.


É certo que cortei moitas silvas, moitos toxos e xestas, moitos piornos e fentos, moita leña e moitas ás. As miñas. Nunca probei a voar en solitario. Sempre un mandado. Certo, o das accións labregas non proceden neste evento, porque cortar o bacallau non ten nada que ver coas tarefas da infancia. Cortar o bacallau é unha metáfora que non sei realizar.

Porque nin pico nin corto. Nin ando nin corro. Quedo sentado ou tombado e esperando a que algo ou alguén decida, resolva por min. Son como un parasito que vive das comenencias. Só me movo en pequenos intervalos da existencia. E pouco, móvome pouco. Que se movan outros por min. Ou demasiado listo ou parvo de abondo. E a vivir que son dous días. E que corte o bacallau o que queira ter a vara e a besta.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 31 de xullo de 2025

domingo, 3 de agosto de 2025

A RISA


Dóeme a barriga de tanto rir. A pesar de ter cara de ferreiro. É que eu río por dentro. Contraio as tripas e axiña noto como roxen, como se revolven. Tamén os meus músculos saben rir. Os pectorais —que non teño— bailan unha mazurca para dous mortos. Os bíceps —que tampouco teño— tremelican unha ocasión de desespero. De desespero, pero rindo.

É certo que ás veces rise por non chorar, pero é en poucas ocasións. Case sempre se ri de alegría. Eu río sempre de alegría aínda que a miña cara meta medo. Medo pola expresión, non pola fealdade. A esta, a xente xa está acostumada.


Case sempre estou rindo. Mesmo cando me espetan subelas ou alfinetes. Penso que son algo así coma un faquir e, realmente, faime graza. Aínda que nese instante estea berrando de dor. Sufrindo e padecendo río igual. Incluso cando me contan un chiste, cando me gastan unha broma.

É bonito rir interiormente. Exteriormente non é bonito porque nunca foi fermosa a miña cara; nunca tiven fermosura e case sempre a teño de banqueta. Non todos somos modelos de sorrisos dentífricos.

Por dentro río ás duras e ás maduras. Río cando alustra e cando a noite está completamente escura. Río desde a ponte vella de Baños de Molgas e desde o mesmo centro da lúa chea. Río cando ouleo e cando berro, cando ladro e cando quedo en silencio. Río baixo a estatua da Liberdade e correndo tras os canguros de Australia. Río fino, río gordo, río delgado, río cristal, río serio e río deitado. A risa é o fogo que queima as bágoas, dicía aquel. A risa é o sol que escorrenta o inverno do rostro humano, dicía Víctor Hugo.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 30 de xullo de 2025


Foto: Ponte vella de Baños de Molgas.

sábado, 2 de agosto de 2025

CON SAIA E A RACHAR


“Con saias (en plural) e a rachar” é unha das traducións ó galego máis bonitas que se fixeron de certos títulos de películas. Nesta, Jack Lemmon, Tony Curtis e Marilyn Monroe fixéronnos pasar quizais as dúas horas máis marabillosas de toda a historia cinematográfica. A saia (en singular) que luciu Marilyn Monroe na película “A tentación viva arriba”, e cando baixo o aire do metro tal prenda se elevou máis alá do imaxinable, converteuse nunha das escenas máis icónicas da sétima arte. Nas dúas películas, a actriz que semellaba parva pero que na realidade era moi intelixente, estaba máis espléndida que nunca. Hoxe hai exactamente 63 anos que Marilyn Monroe nos deixou. Aínda segue e seguirá para sempre na memoria dos que amamos o cine.

Durante décadas, Marilyn Monroe foi sinónimo de beleza, sensualidade e traxedia. Pero cando se atoparon unhas 50 páxinas dos seus escritos persoais (cartas, anotacións, fragmentos poéticos e reflexións sobre o cine) botou luz sobre unha verdade que moitos se negaron a aceptar en vida: Marilyn era unha muller aguda, lectora voraz e unha actriz cun profundo compromiso artístico. Moito máis que unha rubia parva ou estúpida.


As páxinas, que as conservou o seu mentor e amigo Lee Strasberg, escribiunas entre 1953 e 1961, en pleno auxe e caída da súa carreira en Hollywood. Lonxe do estereotipo de muller superficial, os textos amosan unha mente inqueda, unha actriz frustrada pola industria que a encadraba, e unha muller que lía a Dostoievski, Joyce e Freud mentres intentaba sobrevivir ó peso da súa imaxe pública. “Ás veces penso que son unha mentira que se repite ata que xa ninguén me ve”, escribiu nunha nota.

O seu paso polo Actor´s Studio, baixo a tutela de Strasberg, foi unha rebelión silenciosa contra o sistema. Alí non era un símbolo sexual, senón unha estudante máis. “Quero ser libre para sentir, sen que iso se use contra min nunha pantalla”, escribe nunha pasaxe. Noutra páxina, confesa sentirse atrapada entre dous mundos: “Un deséxame como corpo, outro rexéitame polo meu rostro. Eu só quero que me miren como artista”.

Esas 50 páxinas, lonxe de ser un diario calquera, funcionan como un guión alternativo á historia oficial de Marilyn. Non é un relato dunha vítima pasiva, senón dunha muller brillante atrapada nun sistema que non toleraba a intelixencia nun corpo desexado. Un crítico dixo: “Marilyn Monroe foi máis intelixente do que o mundo estaba disposto a aceptar. A súa traxedia foi que ela o sabía”. A Monroe soubo escribir o papel da súa vida, aínda que nunca lle permitiron interpretalo.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de agosto de 2025

SON ESE DICIONARIO


Noto cousas, vin cousas e sei de cousas. Así, tal cal. Noto un algo que se me apega, que se me apelica na pel. Non son de suar, pero hoxe súo. Ó mellor ese algo é certa indiferenza ou certa ignorancia do paso do tempo. Como todo pasa e todo cambia... Noto o ruxerruxe dos que están en silencio e noto o silencio no medio do barullo. Noto o espírito maligno que me rilla nas entrañas.

Vin arder naves máis alá de Orion, etcétera, e vin como a claridade se volvía escura e como a escuridade só serve para non ver nada, para dar paus de cego. Vin cousas que farían encoller a un ourizo cacheiro e vin como as espiñas deste furgaban en certos recantos da memoria. Vin unha estrela fugaz en plena canícula e vin o sol montar sobre o corno dereito da lúa. Ó final, todos os asteroides serán pardos.


Sei de cousas que me contaron de cando o tempo se medía por segundos e, agora, cada segundo é un mundo, unha eternidade. Sei da felicidade que se volveu esperpento e do parasol facéndolle sombra ó baleiro. Sei cuspir para arriba sen que a saliva caia para abaixo. E sei baixar por onde subín. Malamente. Porque sempre se dixo que era peor a baixada que a subida. Certo, moitos soben ó ceo para baixar ó inferno.

Noto cousas, vin cousas e sei de cousas. Son como unha enciclopedia na que se gardan as ocasións que foron, os xogos que se desenvolveron, os contos que se contaron e, por que non, tamén os esperpentos que se viviron. Son ese dicionario que ten todas as palabras e non di nada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 30 de xullo de 2025

viernes, 1 de agosto de 2025

O ALCUME XA O DI TODO


O río Arnoia leva auga, a rula canta desde un salgueiro e o reloxo marca as seis menos cinco da tarde. Son o paiolo que escribe. Escribo en representación de Adolfo Bordalás Gordo, O Zarabeto. O alcume xa o di todo. Foi el mesmo quen me chamou para que contase algo da súa vida. El sabe escribir pero faino tal como fala e sería unha complicación, un relato sen fin para non dicir nada. O Zarabeto fala con dificultade, cortando as palabras e repetindo sílabas moi rapidamente, por un defecto físico nos órganos de emisión da voz ou por causa dalgún tipo de sorpresa ou dúbida súbita, segundo algún dicionario.

Que va, que va; a causa do mal do Zarabeto non se debeu a ningunha sorpresa nin a ningunha dúbida. Máis ben á xeada. Naceu o mesmo día e a mesma hora (de ano distinto, iso si) que Xesucristo baixo unha xeada na que se conxelaban ata os suspiros. E os berros de súa nai cando o pariu. Fíxoo debaixo da ponte das Cabras, en Baños de Molgas. Ela viña do monte coas vacas e, á altura do Outeiro Barbeiro, empezáronlle as contraccións. Tan só conseguiu chegar a refuxiarse baixo a ponte. Alí quedou toda a noite. As vacas... as vacas marcharon dereitiñas para a corte.


Xesucristo saíu máis espelido porque naceu nun pesebre, baixo a calor dos animais. Adolfo, o pobre, naceu como puido e co frío pexándolle a lingua, o entendemento e o que cadrase. Cando naceu ninguén sabía o que era un logopedista deses e el quedou como quedou.

Dime que por hoxe xa non me conta nada máis. Que máis adiante Deus dirá. Nótaselle que quere ser el o que escriba, pero...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 29 de xullo de 2025


Foto: Ponte das Cabras ou Ponte do Medo (Baños de Molgas)