lunes, 27 de julio de 2026

O HOME DA GADAÑA


Anda o vento ferido facendo das súas pola carballeira das Costelas. Isidoro Soleto Saleta leva a gadaña sobre o ombreiro dereito. Díxolle a un veciño, co que se cruzou polo carreiro do Piual, que ía segar a herba ó Pontón Pequeno.

A Isidoro chámanlle Oro. A xente é imprevisible: o lóxico sería que abreviasen o nome con Isi, pero preferiron quedar co final: Oro. Quizais pensaron que, chamándolle así, terían máis posibilidades de facerse ricos, tanto eles coma el.

Mais Isidoro, Oro para todo o mundo, leva toda a vida cunha gadaña ó lombo para darlle de comer a tres pobres vacas, que, sendo sinceros, apenas lle deixan un can de ganancia. Mesmo na súa casa ou ouro, como xoia, brilla pola súa ausencia. Pobre home.


O home, ou o paisano que nos ocupa, vive só, ó final da vila de Baños de Molgas, na saída cara a Bouzas e Allariz. Quizais por iso se relaciona tan pouco co resto dos veciños. Dáse, ademais, a circunstancia de que a maioría das súas fincas quedan nesa mesma dirección, de xeito que atravesar o centro da localidade molguesa acontece de pascuas a ramos. Mesmo para chegar ó lugar onde se atopa agora adoita ir polas aforas da vila, seguindo carreiros e atallos moi pouco transitados.

Tan axiña como Isidoro Soleto entra no lameiro, afía a gadaña, apaga o cigarro, encurva o lombo e, nun amén, inicia o cabañón. E, nun alustro, remata o lameiro. Por algo se chama Pontón Pequeno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 25 de xullo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario