martes, 28 de julio de 2026

CRÓNICA DUNHA PAUSA


Ganas me dan de non moverme do sitio. Cheguei co espírito derrotado e deixei caer a nugalla sobre unha cadeira da terraza da cafetaría. Á sombra. Que quenta de raio. Desde a porta do local díxenlle ós camareiros: cheguei. E xa entenden. Levo moitos anos sen pedir a consumición. É sempre a mesma: un café.

Andaba unha mosca por aquí tocándome... iso. Xa non me toca nada. Fixen de achapamoscas como me chamou unha vez unha sobriña, e fíxenlle a festa, claro. E, ollo ó parche, caceina, atrapeina, pilleina, achapeina coa man esquerda, o que demostra que son un auténtico profesional da caza de moscas coas mans. Nada de matamoscas nin rabo de gaitas: man aberta, lanzamento á velocidade da luz, pechala antes dun amén... e mosca cazada.


Digo que cheguei co espírito derrotado, pero, grazas ó descanso e á sombra, aquel xa empeza a erguerse sobre os cadáveres da preguiza. Grazas ó descanso, á sombra e, tamén, ás pingas de orballo que van caendo sobre un papel en branco. Non un branco inmaculado porque ten liñas, pero branco ó cabo.

A verdade é que as pingas de orballo levan anos salvándome do aburrimento mentres tomo o café. E, ollo a outro parche, adoito bebelo en tres sorbos xustos, polo que alguén pode pensar que non hai tempo para aburrirse. Depende. Ás veces chega a duración dun alustro. Non dicimos moitas veces que un segundo é todo un mundo?

Co espírito xa resucitado, seguirei un pouco máis sentado na terraza, á sombra, porque cada vez se está mellor.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 26 de xullo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario