jueves, 23 de julio de 2026

CANDO A ANSIA MANDA


Ás veces a ansia fai ver o que non é: confundir o brazo dun sofá cun xeonllo. A verdade é que, entre a miña ansia, a miña miopía e a escuridade da foto, o erro apareceu de inmediato.

Non pasa nada. Xa teño confundido a noite co día, o sol coa lúa, o ceo co inferno e o toxo coa xesta. Ás veces tamén é bo confundirse un pouco, para que a xente non pense que un vai de sabichón ou de listo.

Tamén me gusta esaxerar as confusións. Xa teño confesado que esaxerar serve para todo: para darlle realce a unha grandeza... ou a unha parvada.


Neste caso, porén, non hai esaxeración ningunha; hai, simplemente, unha confusión enorme, é dicir, descomunal, esaxerada. Mírese como se mire: confundir o brazo dun sofá cun xeonllo, ou unha perna dobrada co brazo dun sofá.

O detalle estaba en que o que tiña que mirar era a televisión, non o sofá nin o suposto xeonllo. Máis confusión aínda. Mandáronme a foto para que reparase na televisión e, en cambio, a miña ansia botou a correr polos cerros de Úbeda.

Non é a primeira vez que confundo os allos coas cebolas, o Polo Norte co Sur, a Trump con Hitler, as follas dos carballos coas de bacallau, Australia con Canadá ou a gaita coa zambomba. Se o meu desexo se atopa coa escuridade, é ben normal que acabe vendo un xeonllo onde só hai o brazo dun sofá. É dicir, querer atopar a felicidade ás cegas.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 22 de xullo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario