miércoles, 29 de julio de 2026

O PETRÓGLIFO DE BARRICOBOS


As tardes de andar no monte coas vacas daban para moito. Principalmente para aburrirse. Menos mal que eu tiña o vicio da lectura, nunha época na que era capaz de pasar horas e horas cun libro nas mans. Mais, aínda así, a canseira acababa por aparecer e o aburrimento axiña comezaba a furgar na cabeza.

Ás veces botaba man do can, do Uriarte, e xogabamos ás aloucadas. Pero, ou ben el ou ben eu, cansabamos tamén ó pouco e o aburrimento volvía facer acto de presenza.

Na tarde do 26 de xullo de 1976, despois de esgotar aqueles dous pasatempos a lectura e o Uriarte, busquei un novo entretemento. Cun caxato, sobre o lique e o musgo dun penedo de Barricobos, empecei a debuxar o escudo do Real Madrid, coa intención de procurar ó día seguinte un ferro que me permitise afondar o debuxo na pedra. Falando claro: quería esculpilo.


Deuse a feliz coincidencia de que, na mañá seguinte, no monte Medo, atopei un ferro semellante a un punteiro, perfecto para o que tiña pensado facer.

Así foi que o 27 de xullo de 1976 fixo o outro día exactamente cincuenta anos— deixei de lado a lectura e mais o Uriarte e dediquei boa parte da tarde á miña excelsa obra. Con retranca, imaxinaba que, co paso do tempo, aquel escudo do Real Madrid acabaría convertido no famoso petróglifo de Barricobos. Quen sabe... Ó mellor co tempo dabondo...

Hoxe, cincuenta anos despois o tempo pasa e todo cambia, só queda a nostalxia daquel fervor seareiro. Porque, se daquela era un madridista fanático, hoxe sigo sendo fanático, pero xusto no sentido contrario. Porén, esa nostalxia non ten que ver co equipo, senón co agarimo que lle gardo a aquela arroutada adolescente e á inocencia con que soñaba deixar a miña pegada nun penedo de Barricobos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 27 de xullo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario