jueves, 16 de julio de 2026

A CADENCIA DAS LECTURAS


Cánsanseme os músculos. Debe ser a nugalla. Ou o andar moi amodiño. Cando leo, ando amodiño. Cando non leo, hai quen me chama o Rápido de Bouzas. Ou todo ou nada. Ou arre ou xo. Dereito ou revés. Cara ou cruz. Si ou non. Ceo ou inferno. E así deica o infinito e máis alá.

Acabo de empezar “El amo”, de Santiago Díaz. Pola mañá, mentres facía o xantar, rematei “La víspera”, de Manuel Jabois. Gustoume. Mañá, cando o devolva á biblioteca, levarei outro en préstamo. E así van transcorrendo as miñas lecturas: unha detrás doutra, sen respiro. Leo andando ou deitado na cama; sentado, poucas veces. Na cama tamén leo cada vez menos porque, coa idade, os topeneos axiña fan acto de presenza. Cando aparecen, non queda outra que pechar o libro e pousar un pouquiño a corna.


Si, debía ser o de andar amodiño, porque cada vez noto menos canseira nos músculos. Se fose a nugalla, nin ganas tería de escribir. E estou escribindo. Sentado na terraza dun café. Á sombra. Aínda que hoxe as nubes tapan de cando en vez o Lorenzo. Xa era hora! Canta canícula, por Deus!

Oxalá chovese café no campo, cantaba Juan Luis Guerra. A min abóndame con que caian unhas pingas de orballo sobre o mambo que bailo ou, mellor aínda, que chova café na miña gorxa... na que xa leva un cacho chovendo.

Cos músculos xa descansados, inicio unha nova aventura: pechar o caderno, pagar o café e marchar. Con canseira ou sen ela, con nugalla ou sen nugalla, con pros e contras, con arres e xos. E coa música dunha banda sonora nos oídos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 13 de xullo de 2026

Foto: Biblioteca da Valenzá (Barbadás)

No hay comentarios:

Publicar un comentario