miércoles, 9 de octubre de 2024

COSENDO O SILENCIO E O RUÍDO


Ela díxolle que as pingas de auga que caían sobre o tellado eran como un bálsamo, como un consolo no seu descanso. El confesoulle que era o ruído do mar o que o sosegaba, o que o serenaba. Ela falou dun personaxe monárquico e el contraatacou cunha xenreira cara á coroa. Despois dun silencio, os dous, chegaron á conclusión de que todo flúe, de que todo discorre e que o que queda estancado acaba podrecendo. Mellor, abrir a presa. Ou polo menos, deixar que borde.

Os dous xuntos, e sen saber por que, falaron dun fío; dese fío que cose, que ata, que une, que enrola, que envolve o tempo e as distancias para acurtalo e reducilas. Hai fíos de bordado, e de seda, e de torzal, e de ganduxar, e elásticos, e transparentes, e de acolchar, e de canela... Hai fíos para xunguir as conciencias, e as ansias, e os desexos, e os ritmos. Mesmo hai fíos que cosen o silencio no eco do ruído e o ruído no acougo do silencio.


Ela comentou algo sobre a estrutura física dun corpo. El contrarrestou tal comentario cunha nostalxia de antano e cunha carraxe preñada de impotencia, de incapacidade. Porque hai aspectos físicos cos que se mofa o incompetente, o inepto, o estúpido. A outros chégalles coas olladas para facer igualmente dano. Porén, todo segue fluíndo e ela baila sobre unha deda do pé dereito, mentres el recita un verso que se soltou, que choutou do poema.

Ela segue pendente das gotas de chuvia que baten sobre o tellado e el soña, imaxina unha noite de inverno escoitando o ruído do mar. Ela cose os soños, as ilusións, os anhelos e el espalla o nobelo para afrontar ou enfrontarse ás realidades.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 9 de outubro de 2024

martes, 8 de octubre de 2024

DEIXANDO CORRER O TEMPO


Deixei correr o tempo para perderme por entre os ronseis dos cometas do universo sen fin. Perdido e en silencio. En silencio. Nese silencio calmo e marabilloso no que o tempo non conta, e as distancias, aínda que son enormes, son ó mesmo tempo efémeras, fuxidías, pasaxeiras. Navegar de galaxia en galaxia é coma soñar esperto entre unhas sabas brancas.

De cando en vez aterro nun planeta, ou nun satélite e escribo un poema. Un poema sobre o silencio, aínda que, no medio de cada verso, solte un berro. Un berro do que, o seu eco, se perde por todo o universo. E sempre haberá un bramido, un berro seco que non teña fin. Agora cada quen que berre ou que deixe escapar un salouco... en silencio.


Deixei correr o tempo para que, algún satélite me marque a pel. Coma unha tatuaxe. Coma un sinal, un indicio de que todo flúe polos recunchos da vida. Esa vida que, perdida entre as estrelas, segue navegando sen risco, sen mazaduras... en silencio. Todo aí arriba é silencio, mesmo o ruxerruxe dos residuos dos cometas que arremeten, que chocan, que rascan, que esgazan, que rompen contra a resonancia dunha atmosfera que é ou non é, que hai ou non hai.

Tan só queda o poema incrementando os versos. Que rimen ou non rimen xa é outra cuestión. Que gusten ou non gusten... quedarán como as bágoas da chuvia de Blade Runner. En cada verso que se engade, o silencio cae sobre a almofada da rima, e o eco desta segue a perderse polo tempo e polo espazo. Agora, cada quen que soñe á súa maneira.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 8 de outubro de 2024

lunes, 7 de octubre de 2024

NIN MALA NIN BOA... SORTE


Por fin alguén está comigo! Por fin alguén é do meu parecer!. Miguel Ángel Sánchez Muñoz, máis coñecido por Michel, o adestrador do Xirona, confesou o outro día que “a mala sorte non existe, todo pasa por algunha cousa”. As súas declaracións débense a que, nos dous partidos que leva xogado o seu equipo na Liga de Campións, dos catro goles que lles meteron, tres foron en propia porta, ou sexa, que os meteron os seus propios xogadores.

Ante iso é certo que o máis normal que adoita saír pola nosa boca é a expresión: que mala sorte! Nin mala nin boa, digo eu. Porque a sorte sempre dixen que non existía. Ser ou non ser, xa o dicía aquel. Se sementas patacas, recollerás patacas, non porque a mala sorte cuspise os tomates e pementos. Se un balón de fútbol pega no traveseiro foi porque se lle deu ó balón de tal forma que a potencia e a dirección mandárono alí.


A sorte nunca existiu nin nunca existirá. E non vale buscarlle tres pés ó gato. Como di Michel, todo pasa por algunha cousa, ou por algo. Non vale dicir se fora desta maneira, se fora daquela... foi como foi, e punto. Metes o pé no buraco porque non alargaches o paso ou porque non o acurtaches. Dás coa cabeza nun pontón ou nunha trabe porque non te agachaches, que non foi a mala sorte a que che deu o golpe.

Tiven a sorte de non me matar cando me tirei de cabeza desde a ponte das Cepas, en Baños de Molgas, porque caín de pé e sobre as augas do río Arnoia. Se caera sobre os enormes penedos que había ás beiras... A verdade é que non me matei nin me manquei porque nunca me tirei desde ese lugar. Seguro que se me tirase, nin boa sorte, nin mala sorte; tan só a morte. Dado que 50 metros de altura é moita altura de cristo.


Cafetaría A Pedreira. A Valenzá. Venres, 4 de outubro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 7 de outubro de 2024

domingo, 6 de octubre de 2024

UN DÍA TORCIDO


Tirei a pelota ó alto do tellado e díxenlle a un gato que fora por ela. Agatuñou á velocidade dun lóstrego e coa súa pata esquerda empurrouna para abaixo. A pelota caeume na cabeza. Non me matou nin me fixo dano. Pero vin perfectamente como o gato se riu. Quedei de pasmón. Como ía quedar!

Deixei de xogar coa pelota e fun pescar troitas ó río Arnoia, xusto por debaixo da presa da Porfía, en Baños de Molgas. As troitas, cando me viron chegar, agocharon debaixo das pedras da vaira e tomaron un té inglés. Tiven que cortar unha galla longa dun amieiro para furgar por entre as pedras e para que saíran a leito aberto. O problema asomou ó momento: se furgaba non pescaba e se pescaba non furgaba. Outra vez que quedei de pasmón.


Desde a presa da Porfía marchei para o Outeiro Barbeiro. Alí armei unha trampa para o lobo, que valía tamén para o xabaril. A trampa consistía nun simple aro que atravesei entre dúas toxeiras. Botei toda unha semana esperando e só un saltón foi quen de pasar polo aro. Terceira vez que quedei de pasmón.

Porén, non desesperaba; nunca desespero. Sentei no mazadoiro da burga e esperei a velas vir. Non tardou en aparecer xente. Xente que non coñecía de nada e que tampouco me coñecían. Non lles dei parola. Para que, se non sabía que dicirlles... Iso si, saudeinos ó chegar e despedinme ó marchar. Porque marchei con cara de pasmón para a miña casa. O día saíra torcido e non quixen provocalo máis. Fóra, miañou o gato. Boteille a pelota para que xogara con ela.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 4 de outubro de 2024

sábado, 5 de octubre de 2024

CHEGA UN DÍA CONCRETO


Aí atrás, nesta columna, escribín sobre as crueldades da natureza e as humanas. Hoxe vou tirar polo camiño dos atentados; que, realmente, podían catalogarse tamén como crueldades humanas. Son crueldades humanas.

Onte fixo 49 anos, máis en concreto, o 6 de outubro de 1975, que en Roma, ás oito e vinte da tarde/noite, un grupo de mercenarios fascistas italianos, pagados pola ditadura de Augusto Pinochet, criba, dispáranlle ó exiliado ex vicepresidente democrático de Chile, Bernardo Leighton, ó que deixaron con graves feridas e deixando tamén parapléxica á súa dona. As sombras das ditaduras son longas, tanto no tempo (aquí podemos meter todas as ditaduras) como na distancia (de Chile a Italia). Seguro que Pinochet tiña medo que Leighton non se deixase ferrar sen aceal, é dicir, que se lle subira ás barbas e a mellor solución xa se sabe cal é. Morto o can, adeus rabia.


Xusto un ano máis tarde, asoma outro atentado. Foi en Barbados, illa das Antillas Menores, ó nordeste de Venezuela, onde terroristas cubanos anticastristas, que vivían en Miami, e co apoio da CIA estadounidense (faltaría máis), atentaron con bombas contra un voo da liña aérea Cubana de Aviación, que caeu na praia, pouquiño despois de despegar, provocando a morte das 73 persoas ocupantes, entre elas os membros do Equipo Nacional de Esgrima, que acadaran todas as medallas de ouro no Campionato Centroamericano e do Caribe celebrado en Venezuela, en Caracas. Como nas guerras, como na maioría dos grandes atentados, pagan xustos por pecadores.


Tamén no mesmo día 6 de 1977 (hai 47 anos) foi España a que non se librou de atentados. Máis en concreto en Alicante. Un grupo de fascistas (quen se non) atacan a militantes e simpatizantes do Partido Comunista, causándolle a morte a un deles.

E en 1981 asasinan ó político e militar Anwar el-Sadat, presidente de Exipto desde 1970 ata 1981, que estaba presenciando un desfile das súas tropas armadas na capital do país, no Cairo.


Como se ve, chega un día concreto (o 6 de outubro) para que, ano tras ano, nos deixe ó descuberto a cruel natureza humana, ese demo que todos levamos dentro e que, moi a miúdo, deixamos escapar para que faga das súas, ou sexa, para que arrase, para que mate, para que asole. E, aínda que agora mesmo, a conciencia se nos volva benévola, ós poucos minutos xa deixamos que reverte a negra.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 4 de outubro de 2024

jueves, 3 de octubre de 2024

NIN ME APETECÍA NIN QUERÍA


A verdade é que nin me apetecía nin quería. Pero aquí estou. Dálle que dálle ás pingas de orballo. Que se Vangelis asoma cunha colección dos seus éxitos, que se un reloxo marca as tantas da noite, que se a alguén se lle dá por beber té inglés é porque non quere beber outro té. Eu bebo café e ando acelerado. As aceleracións, ás veces, son boas. Unha persoa con ritmo sempre ten algo que dicir. Penso eu.

Que ninguén confíe moito nos meus pensamentos, que, moitas veces, non hai por onde collelos. Que se pagas o rescate dun secuestrado é porque che comeron a boroa... non hai tal secuestrado. Hoxe en día non se leva o de raptar. Hoxe vaise a tiro fixo; ó estilo de Clint Eastwood, non ó de John Wayne. Clint Eastwood non andaba con lerias: collía a súa pistola e dicíalle ó malo que lle alegrase o día. John Wayne era máis nobre; era incapaz de disparar polas costas. Eu non disparo nin por diante nin por detrás. Eu, como moito, uso o fouciño. Que tampouco é cousa de pouco.


Nin me apetecía nin quería. Porén, sigo. Que se unha porta está medio aberta é porque lle falta outro tanto por abrirse... ou cerrarse. A noite está pecha. O silencio non é tal por culpa do Vangelis. Mais este ruído é agradable, é bonito, mesmo melancólico, quizais máis incluso sentimental. Agora cada quen que lle busque o adxectivo que lle dea a gana.

De que cor é o cabalo branco de Santiago? Pobre inocencia!; de cando se rompían os cascos buscándolle un sentido á pregunta. Agora, se digo negro, chámanme paiolo. Cada quen que lle poña a cor que queira. Total, eu sempre tiven burro e nunca me preocupei da súa cor. Que son ten a cuadratura da roda do carro? Algo así como a dun coro celestial? Vai ti saber! Nin me apetecía nin quería, pero xa foi.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 3 de outubro de 2024

CANCIÓN DE ABALAR


Canción de abalar para aqueles que predican no deserto. Non vale predicar; ó final as cousas son como son. Son sinxelas e son retorcidas. Son boas e son malas. Son un canto de esperanza e unha brincadeira de falsidade. Predicar no deserto é como mirar ó baleiro.

Quixen buscar en Groenlandia unha pinga de orballo e tan só atopei silencio conxelado. Aí nin tan sequera intentei predicar porque non me escoitaba ninguén. E como non son parvo emprendín camiño do Edén. Ós poucos quilómetros atopeime cunha moza collendo patacas e tomates negros. Pregunteille se por aí iría ben para o ceo. Miroume de esguello.


Canción de abalar para os que predican no deserto. Hai que ser paiolos. Ó predicar, ó falar moito tempo, a boca seca, entra a sede. Que beben? No deserto nin tan sequera hai unha pinga de orballo. A non ser que beban a propia suor. A xente, en principio, só quere chamar a atención.

E subín ó monte máis alto para mirar se a divisaba. A quen? Á algunha trapallada. Vivimos entre troulas inconexas que intentamos xuntar nun feixe pero sen ter con que atalo. Non tarda en escangallar. Como as palabras que se perden polo deserto. Tamén a quen se lle ocorre predicar desde unhas dunas cheas de area.

Canción de abalar para aqueles que dormen cun ollo aberto. Para que?; se total non se pode evitar o que teña que acontecer. Por moita pataca que collas, ó furgar na leira unha e outra vez, sempre aparecerán suficientes para unha nova sementeira. Por moito tomate que collas, á ensalada hai que achegarlle tamén leituga, cebola e mazá; como mínimo. Canción de abalar para os que esbardallamos espertos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 30 de setembro de 2024

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 1 de outubro de 2024