sábado, 27 de junio de 2026

CANDO A TERRA TREME E AS CONCIENCIAS TAMÉN


Cando me dixeron dos dous terremotos de magnitude 7,2 e 7,5 que sacudiran Venezuela, quedei profundamente abraiado. A primeira idea que me veu á cabeza foi que, con toda seguridade, habería numerosas vítimas e importantes danos materiais. Un terremoto desa intensidade xa é unha desgraza en calquera parte do mundo, pero, por desgraza, non todos os países están igual de preparados para facerlle fronte. Non é o mesmo un sismo destas características en Xapón ca en Venezuela. Do mesmo xeito que non é o mesmo unha hectárea de terreo en Castela ca unha hectárea en Galicia, tampouco as consecuencias dunha catástrofe natural son iguais segundo o lugar onde acontezan.

Xapón leva décadas investindo en tecnoloxía, prevención e construcións capaces de resistir fortes movementos sísmicos. A súa poboación sabe como actuar e as autoridades contan con protocolos moi eficaces. Pola contra, Venezuela, afogada por unha longa crise económica e social, non dispón dos mesmos recursos nin das mesmas infraestruturas. Iso fai que un fenómeno natural acabe converténdose nunha traxedia humana moito maior. Ó final, as catástrofes sempre golpean con máis forza os pobos que xa viven en condicións difíciles. Como di o refrán, “a can fraco, todo se lle volven pulgas”.


Aínda hoxe sigo impresionado pola magnitude do sucedido e, sobre todo, porque aconteceu nun país ó que lle teño un cariño especial. Venezuela sempre estivo moi presente entre nós pola enorme relación histórica que mantén con Galicia e pola cantidade de familias que, nun ou noutro momento, cruzaron o Atlántico buscando unha vida mellor. Ademais, estes días, co Mundial de fútbol como tema recorrente, volveume á cabeza unha desas curiosidades que adoito lembrar: cantas veces participou Venezuela nun Mundial? Ningunha. Como me gusta o fútbol e tamén lle gardo afecto a ese país, é unha desas preguntas do trivial que nunca esquezo.

Nestes momentos difíciles son moitas as persoas que expresan a súa solidariedade co pobo venezolano, e iso sempre é de agradecer. Con todo, tamén resulta imposible non percibir certa dose de hipocrisía. As redes sociais énchense de mensaxes de apoio, condolencias e palabras fermosas, pero non hai tanto tempo moitos deses mesmos venezolanos eran vistos con desconfianza, con receo, con temor. Dicíaselles que viñan quitar o traballo, que eran unha carga ou que sobraban entre nós.

Moita forza e ánimo para ese marabilloso pobo.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 27 de xuño de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario