martes, 16 de junio de 2026

QUE NINGUÉN ME MOLESTE


Estou perdendo facultades. Levo moito tempo sen escribir de fútbol. Estamos co Mundial. Un Mundial que se celebra en México, Canadá e Estados Unidos. Non sei se o acordarei, pero, tan axiña como a Dennis Tito lle dea por levar xente a outros planetas, seguro que acabaremos vendo un Mundial con sedes en Marte, Xúpiter e o lado oculto da Lúa. E a ver quen é o guapo que vai ver estes últimos se están ocultos. Hai xa moito tempo que estes acontecementos deixaron de ser simplemente deportivos.

Porén, eu sigo á antiga: pensando que o fútbol non deixa de ser un deporte e, ademais, un deporte marabilloso, por moitos “intelectuais” que se empeñen en defenestralo. Aínda que esta edición ten máis críticos e detractores ca nunca. Claro, non vai ningún xogador do Real Madrid, e iso, para moitos españois, semella pouco menos ca un insulto. Seguro que non son poucos os que xa desexan que España quede eliminada ás primeiras de cambio.


Non se decatan de que, este ano, entra dentro da lóxica. Si, é certo que Huijsen empezou con forza, pero mesmo os seus propios seareiros notaron o baixón. E, polo demais, o Madrid apenas ten xogadores españois. Nin parece que os vai ter a curto prazo. Leva camiño de non contar nin con suplentes patrios. Ao final quedará o pobre Chendo como delegado e punto pelota. Ai se don Santiago Bernabeu levantase a cabeza e vise o seu Madrid así...

Pero desvieime do esencial: un servidor ten intención de ver todos os partidos que poida. A pena é que a primeira canle da TVE non os emita todos. Total, só será un mes sen facerlle caso a ninguén.

Indirecta: que ninguén me moleste.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 13 de xuño de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario