Paso a relatar o encontro que tiven cun espírito maligno nunha noite na que a lúa vella ou chea levaba horas iluminando o meu camiño.
Ía camiñando polas corredoiras que conducían ó muíño da Luz. Foi alí, xusto ó chegar a ponte que cruza o río Sor, tamén coñecido como río de Maceda, onde o vin na outra beira. Vestía completamente de branco, mais levaba un chapeu vermello que destacaba con forza baixo a luz da lúa.
Durante un intre non souben como actuar. Quedei inmóbil, agardando un xesto del, algún sinal que guiase o meu proceder. Porén, só foi un momento. Axiña retomei o camiño e avancei cara a el, aínda que co temor xa aniñando nas miñas entrañas. A súa presenza resultaba verdadeiramente inquietante.
Canto máis me achegaba, máis aterradora se volvía a escena. Distinguíalle un sorriso torcido e un brillo estraño nos ollos. Era dunha intensidade tal que sobresaía mesmo na escuridade da noite. O meu temor empezaba a converterse en medo.
Pero había que rematar de cruzar a ponte si ou si. O encargo da miña nai —levar a saqueta de millo ó muíño— estaba por riba do pavor máis fondo. Do espírito maligno aínda podería repoñerme; mais, quen se atrevería a contrariar a miña nai?
Cando xa estaba a apenas un metro daquela figura vestida de branco, descubrín que alí non había máis ca baleiro e silencio. Abrín e pechei os ollos varias veces, mais sempre aparecía ante min o mesmo camiño deserto que levaba ó muíño da Luz.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 26 de xuño de 2026
Foto: A ponte do muíño da Luz (Baños de Molgas)
No hay comentarios:
Publicar un comentario