miércoles, 17 de junio de 2026

O NOBELO DOS PENSAMENTOS


Estou pensativo. Quero deixar a cabeza en branco e non hai maneira. Se non penso na morte da becerra, penso na barafunda dun conto. Dos contos mal contados.

Hai contos tan ben contados que mesmo desexas que non teñan final. Pero todo ten o seu principio e o seu fin.

O fin dunha bomba nuclear é estoupar, e punto. E o punto é máis ca unha pegada ao final dunha frase; tamén o é da vida. Vida negra é a que teñen en Paracuellos del Jarama, onde seica anda un labrego cun fouciño segando pescozos.

Hai pescozos ríxidos e tamén os hai que se revolven unha e cen veces para saber de que pé coxea a sociedade. A sociedade, hoxe precisamente, está paralítica. Paralítico é aquel que renuncia a pensar, que, culturalmente, carece de cultura.


Cultura era a daqueles mozos que aparecían nun vídeo que me mandaron, no que lles preguntaban se eran quen de dicir as capitais de certas comunidades autónomas. O enredo, a zarangallada, era tal que a única que respondeu situou A Coruña como capital do País Vasco.

Sigo pensativo. Ante esa cultura e ante os soños mal contados. Aquela resposta queda xa como un soño mal contado.

Conto o que me dá a gana porque, por sorte, eu si teño a capacidade de contar a verdade aínda que todo sexa mentira. O que, en realidade, vén significar que conto unha mentira con aparencia de verdade.

Isto xa empeza a parecerse a un nobelo que se envolve ao ritmo da “papoula” de Ennio Morricone. Agora, quen teña cultura, que entenda; e quen non... que pense. Eu sigo pensativo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 14 de xuño de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario