Cantas cousas me pasan en tan pouco tempo: levantarme da cama, facer a cama, ter que asubiar, almorzar e marchar. Marchar para andar de can, claro. Na marcha tamén asubío. Agora é certo que xa non canto como cantaba. Menos mal. Porque o meu canto... xa o dicía a pobre da miña nai: “que mal cantas, neno”. Chamábame neno. Sería o seu neno, digo eu.
Fago tantas cousas que mesmo consulto o móbil mentres camiño. E atópome cunha anotación sobre El Eco de Molgas, que, segundo uns apuntes da Wikipedia, foi un periódico editado en Baños de Molgas en 1921. Nada máis. Manda truco! Expresión que me serve tanto para a pobreza do apunte dixital como para a marabilla de que a miña localidade contase por aqueles anos cun xornal. Aínda que, segundo un amigo historiador que sabe a hostia —é dicir, o que hai que saber—, El Eco de Molgas foi máis ben un folleto do que apenas houbo unha ou dúas tiradas, ou sexa, de vida moi curta.
Fago tantas cousas que, mentres ando, leo; mentres leo, unhas veces memorizo e outras penso; mentres penso, son as rulas as que asubían, e voan, e aniñan. Eu aniño na miña conciencia, que unhas veces é branca e outras é negra. E a ver quen tira a primeira pedra.
Fago e desfago ao meu antollo: escoito a Mercedes Sosa e, segundo canto con ela, tamén asubío. Din que, mentres se asubía, é imposible cantar, ou viceversa. É mentira! Eu sei facer as dúas cousas ao mesmo tempo. Son dos que saben emendar o torto.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 2 de xuño de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 3 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario