sábado, 20 de junio de 2026

MOLGAS NO CAMIÑO DE COLOMBO


Mañá cúmprense 115 anos do nacemento de Andrés Colombo, unha figura pouco coñecida da historia galega do século XX que desenvolveu unha intensa actividade política, cultural e artística nun dos períodos máis convulsos da nosa historia recente.

Nado en Pontecesures en 1911, Andrés Colombo en realidade, Andrés García de la Riva traballou como empregado de banca, profesión que compatibilizou cun forte compromiso político. Militante da Esquerda Comunista Española e, posteriormente, do Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM), converteuse nun dos moitos opositores ó franquismo que sufriron a represión tras o golpe militar de 1936.

Precisamente para intentar escapar desa persecución, refuxiouse durante un tempo no balneario de Baños de Molgas. É probable que se rexistrase co nome de Andrés García de la Riva, menos coñecido que o de Andrés Colombo, o que lle permitiría pasar máis desapercibido. A recomendación dun amigo levouno ata a miña localidade, onde esperaba atopar certa seguridade. Porén, axiña comprobou que o lugar non lle ofrecía as garantías necesarias. A medida que avanzaban os días e a represión se estendía con forza, decidiu abandonar Baños de Molgas e marchar cara a Zaragoza.


A súa traxectoria estivo marcada por continuas dificultades. Xa en 1934 fora encarcerado en Santiago de Compostela pola súa actividade política. Co estalido da Guerra Civil e a posterior vitoria franquista, a súa situación agravouse. Pasou por un campo de concentración en Francia e tamén sufriu o internamento en cárceres do réxime franquista, compartindo o destino de milleiros de republicanos e militantes antifascistas.

Mais Andrés Colombo non destacou unicamente pola súa actividade política. Foi tamén un notable debuxante e mantivo relación con destacados creadores galegos como Eugenio e Mario Fernández Granell, Cándido Fernández Mazas, Maside, Dieste, Caamaño ou o escritor Eugenio Carré, entre outros.


A súa vida constitúe un exemplo das dificultades que tiveron que afrontar moitos intelectuais e militantes galegos comprometidos coa defensa das súas ideas. Ó mesmo tempo, representa a unión entre a creación artística e o compromiso social, dúas facetas que marcaron profundamente a súa traxectoria e que explican o seu singular lugar na historia galega do século XX.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 20 de xuño de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario