Xa non é a primeira vez que me pasa: atoparme con erros de vulto nos libros que estou lendo. E non me refiro ás faltas de ortografía, que asoman en practicamente todos, senón a eses erros graves de composición e, sobre todo, de impresión.
Cando estaba a ler a novela “La hija”, de Sergio del Molino, publicada por Alfaguara (digo o nome porque me parece unha editorial seria e de prestixio, pero tamén para darlle unha pequena quenta de orellas), ó chegar á páxina 287 vin que remataba un capítulo. Polo tanto, na seguinte, por forza e por lei, debería comezar outro. Mais o que aparecía era unha frase que viña dunha parte anterior. Baixei a mirada ó número da páxina e, zas!, 337. É dicir, da 287 saltaba directamente á 337. Ou sexa, cincuenta páxinas a tomar por aquel sitio.
O libro fora un agasallo dunha amiga polo meu aniversario. Ó ser un presente, pedinlle ademais que mo dedicase. Así que, claro, para que mo cambiasen, a cousa poñíase complicada. Ademais, por suposto, non quería desprenderme del pola dedicatoria e, por que non dicilo, tampouco polo propio erro. Vai ti saber: ó mellor, co paso do tempo, a equivocación acaba revalorizándose. Non obstante, advertín á libraría por se tiñan máis exemplares afectados polo mesmo problema.
Como tampouco era cuestión de deixar de ler esas cincuenta páxinas, preguntei na biblioteca e, ó comprobar que tiñan un exemplar, soliciteino en reserva. Así é que aparquei a súa lectura e comecei un libro novo.
Pasados dous días, deume por botarlle unha nova ollada a “La hija”. Pasei páxinas, pasei páxinas e, zas!, ó pasar a 383 apareceu a 288. A explicación era ben sinxela: durante o proceso de impresión e encadernación mesturáronse os cadernos —ou fascículos, que creo que é como se chaman— e quedaron colocados fóra de orde. O misterio estaba resolto.
Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 24 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario