O 16 de xuño de 1954 era mércores. Suponse que aquel día facía bo tempo, propio xa do verán. Ese día comezaba en Suíza a V Copa Mundial de Fútbol, que remataría coa vitoria de Alemaña Federal. Aquel Mundial marcou un fito histórico por ser o primeiro campionato transmitido en directo pola televisión.
Agora ben, alguén podería pensar que aquel acontecemento, aquel Mundial televisado, foi a escusa perfecta para os feitos que paso a relatar. Cómpre lembrar, porén, que naquela época nas aldeas rurais ninguén tiña televisión, polo que esa explicación queda practicamente descartada para xustificar a falcatruada que tres veciños do concello de Baños de Molgas cometeron na estación de ferrocarril.
En 1954, a estación de Baños de Molgas atopábase aínda en construción. O recinto debía estar cheo de ferramentas, maquinaria e materiais de todo tipo, unha auténtica tentación para os amigos do alleo. E iso foi o que deberon pensar un veciño de San Pedro e dous de Brandín, que, sen andar con días santos, se presentaron alí en plena noite para furtar sete carrís de vagoneta e un anaco de carril de vía normal. En total, o material acadaba os 555 quilos de peso, que non é precisamente cousa liviá e ben lles daría traballo cargalo e transportalo. Os carrís foron valorados en 2.700 pesetas, unha suma nada desprezable para a época.
Mais a Benemérita nunca foi parva. Non tardou en dar cos amigos do alleo, cos autores do roubo e descubrir que o material subtraído permanecía enterrado nunha finca próxima ó muíño da Coba. Os gardas recuperárono de inmediato e puxeron fin á aventura daqueles improvisados ladróns.
Ó final, a culpa foi de que aínda non chegara a televisión por aqueles lugares.
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 25 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario