Dálle ó abano para uso particular dela; pero algo sempre chega. E, cando deixa de abanar, tamén se nota. Non sei se llo diga: que non pare, que siga, que lle dea. Pero dáme corte. O pensamento sempre vai máis alá ca a acción.
Enténdese que estou a falar de alguén que se está á abanar á miña beira. Eu nunha mesa e ela na seguinte, na terraza dunha cafetaría. Eu tomo café e ela xa o tomou. Eu escribo e ela le a prensa.
Deixou de lle dar ó abanico e vaia se se nota. O pouquiño aire que chegaba era gloria bendita. A tarde está para que corra o aire se non queremos sentir afogo, asfixia. Mais o aire non corre. Tan só eses pequenos refachos cando a ela se lle dá por facer traballar o pulso dereito.
Se non tivera vergoña, dicíalle que lle dera, que lle dera, que algo sempre chega. Cando non teño confianza son vergonzoso. Ás veces case é mellor non tela, pois se a tivera igual pasábame un pouco dicíndolle que lle dera, que lle dera.
E agora mesmo non lle dá, carallo. E xa empezo a suar. Porque estes días mesmo á sombra se súa. Hai sol. Hai bochorno. Hai ameaza de treboada. Falta aire e ela non lle dá ó abono. Condenada!
Moito miro para a súa mesa, pero ela dáme as costas. Malditas posturas, malditas posicións: a dela e a miña. Cambiarme agora de cadeira tamén me dá corte. Igual pode pensar que é para mirar para ela. Eu o único que quero é dicirlle que lle dea ó abano, que algo sempre chega: unha aireada, unha bafarada, unha ventada...
Agora nin abano, nin aire, nin vergoña, nin miradas, nin dicires, nin rabo de gaitas; acaba de marchar. Enfurrúñome coma un neno e marcho tamén.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 18 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario