Boa parte do día preocupado porque tiña medo de non chegar a tempo á cita e, ao final, presenteime cunha hora de antelación. Así son ás veces de impaciente. Menos mal que aproveitei ese tempo para botarlle unha ollada máis ó barrio xudeu de Ribadavia, por se aínda non o coñecía o suficiente, e, como non podía ser doutro xeito, para tomar un café. O café que non me falte nunca, nin en ningún momento nin en ningún lugar.
A cita era no Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde se ía celebrar unha charla, conferencia ou parladoiro arredor de Cándido Fernández Mazas, o pintor, escritor e ilustrador ourensán que José Manuel Bouzas leva anos reivindicando con entusiasmo e constancia.
As dúas horas que durou o acto fixéronse especialmente amenas grazas á sabedoría e á capacidade divulgativa do meu veciño molgués, Pepe Bouzas. Diapositiva tras diapositiva, foi debullando a vida e boa parte da obra deste xenio da ilustración. Aquí permitídeme unha pequena paréntese: algúns rompemos a cabeza intentando describir algo —e case sempre de maneira imperfecta— en trinta, cincuenta ou cen liñas; chega logo un destes artistas e, con apenas tres simples trazos, consegue resumir toda unha realidade. Non é estraño, por tanto, que cada vez admire máis aos ilustradores, caricaturistas e creadores de viñetas.
Remato. O conferenciante foi mesturando debuxos de Mazas con aquelas amizades que conseguiu ó longo da súa vida, das que máis de unha me chamou a atención. Unha vida, por certo, bastante curta. Morreu á idade de 39 anos en Pedrouzos, O Castro de Caldelas.
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 11 de xuño de 2026


No hay comentarios:
Publicar un comentario