De camiño viña pensando que, ás veces, as cousas non son como parecen nin como se contan. E non vou falar de “bulos”, politiqueos nin rabo de gaitas. Falo dos que presumimos de escribir, dos presuntos escritores. Mentimos moito e, si, ás veces facémolo moi ben. Ou non. A algúns nótasenos a mentira xa na primeira palabra dunha frase.
Mentimos sempre por dous motivos: para quedar ben ou para que digan canto sabemos. Mais non sabemos nada! Simplemente esaxeramos. E esaxerar, ao cabo, tamén é unha forma de mentir.
Se está nubrado, só Os Resentidos son quen de dicir que fai un sol do carallo. Algún presunto escritor irá aínda máis lonxe e dirá que se asan os paxariños. Agora mesmo vai un sol do carallo, pero non hai ningún paxariño asado na beirarrúa. Esa é a realidade.
Tampouco podes escribir que vas coller a lúa vella e poñela aos pés de alguén cando sabes que é rematadamente imposible... a non ser que xungas unha boa parella de bois e os poñas a tirar do sedeño co que enganchaches o noso satélite. Así, quizais, xa sexa posible. E non esaxero tanto: eu tiña un burro ao que lle ataban un sedeño a calquera cousa e non había quen puidese con el.
Os presuntos escritores somos mentiráns e esaxerados; esaxerados e troleiros. Esaxeramos para encher parágrafos, para completar relatos, para rematar escritos. Mesmo a propia mentira a adornamos e agrandamos. Somos os mentiráns das letras, dos contos e das historias.
Porén, o peor de todo é que hai quen nos cre. E, mentres iso siga pasando, seguiremos escribindo. Pois aquí paz e despois gloria.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 1 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario