jueves, 7 de noviembre de 2024

OS ASTROS


Hai dous días déuseme por pregoar que, á miña idade, sairía a xogar un partido de fútbol no campo da Chaira, en Baños de Molgas. Chegado o momento, e xusto cando ía saltar ó campo, rompín unha perna. Uns axiña dixeron que iso era ter mala pata, outros que non sei que dos astros e outros que era normal, que á miña idade non estaba nin tan sequera para poñer o pantalón curto.


Eu, claro, botei fóra eses pensamentos das casualidades, das coincidencias, do azar e o único que se me veu á cabeza era que estaba de ser. Foi, vaia se foi. Xa o teño dito moitas veces: as cousas son como son. Nin astros, nin milagre, nin sorte, nin farrapos de gaitas. Tamén é verdade que amola e que botamos pestes contra todas esas crenzas ou casualidades que din os demais. As cousas son como son, pero maldita sorte, por que non fixen desta maneira ou daquela, por que non saltei antes ó campo, por que non esperei un pouco máis para saltar, por que me metín en danzas, a fogueteiro, en camisa de once varas.

As cousas son como son e os astros aliñáronse de mala maneira, a mala pata estaba de ser mala, a normalidade resultou que, efectivamente, era anormal, o milagre non quixo respaldar a Xesucristo e a sorte aínda estaría durmida, xa que o partido celebrábase logo dunha boa sesta.

Astros. Calquera corpo celeste, coma o sol, as estrelas, os planetas ou os cometas. Que alguén me explique que pinta todo iso na rotura da miña perna ou na planificación con suficiente antelación dunha acción que, pobre, mandou ó traste as miñas ilusións. Será certo iso de que non estarían ben aliñados?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 5 de novembro de 2024

miércoles, 6 de noviembre de 2024

CURSO DE COSTURA


Teño tal canseira encima que nin ganas teño de estomballarme no sofá. Cústame moverme. Sigo entón sentado na cadeira na que estou e, ante o ordenador, dáseme por iniciar un cursiño de costura. Quero aprender só que sexa para coser un botón.

Unha vez contoume unha veciña que un fillo seu deixara colgado sobre unha cadeira do comedor (para que ela o vise ben) un calcetín para remendar. O calcetín seica botou alí, no mesmo sitio e na mesma posición, algo máis dun ano, ata que o fillo, derrotado, o tirou á bolsa do lixo. Non quero que me pase iso. Malo será que o curso non me ensine unhas poucas puntadas, as máis esenciais.


O meu problema coa costura empeza xa ó principio, no momento de escoller os fíos para poder iniciar o traballo correspondente. Non sabería pedir xa un nobelo de... Por oídas, creo que os hai de algodón, de seda, elásticos, de bordado, de poliéster, de nylon, de ganduxar, de la, etcétera. Por non saber nin tan sequera sei que son as farrapeiras, e iso que estou farto de lelas nun libro galego que me acompaña desde hai uns días.

Sigo tan canso que non sei se pasarei da primeira lección, da primeira hora. A maiores de que hai tanto fío que me vou enlear de carallo. Seguro que cando colla o primeiro nobelo que me vendan, non serei capaz de desenvolvelo, co sinxelo que debe ser. Ante isto, e pensándoo ben, antes de proceder, case cambio de curso. A ver se hai algún sobre vencer a galbana ou sobre coller unha boa postura nun sofá.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 4 de novembro de 2024

martes, 5 de noviembre de 2024

LECTURA DO CÓDIGO DE BARRAS


Un tipiño cun vestir bastante estrafalario díxome que lera o código de barras. Así, tal cal. Ó momento lanceille unha mirada medio torcida. Eu non vía ningunha letra por ningún lado; tan só raias e máis raias, unha maldita simboloxía que non entendía. Empecei a pensar se non me estaría tomando o pelo, comendo a boroa, como a vez que me dixeran, hai tempo xa, que lera entre liñas; que tampouco conseguira ver nin ler ningunha palabra polo espazo en branco.

Son o Narciso, o que ten a casa de pedra no Outeiro do Corno, alá por Baños de Molgas. Xa sei que non era necesario dicir que era de pedra porque é a única que hai no lugar, o que pasa é que queda bonito e máis fachendoso insinuar que teño unha boa casa. A pedra, onde o formigón, nin punto de comparación.


Vivo só, desde hai xa moitos anos. Son fillo vinculeiro e os meus pais, por desgraza, acougan xa no cemiterio parroquial. Tampouco casei nin teño fillos. O que tiven e teño, iso si, son dous pares de vacas, suficientes para darme tanto traballo que vivín e vivo toda a miña vida arrastro delas. Porén, neste momento, só penso en que mañá teño que rozar unha carrada de toxos para facerlle a cama as vacas que, as pobres, están sobre un lamazal.

Iso é mañá. Hoxe, agora mesmo, estudo a posibilidade de darlle unhas labazadas ó tipiño que insiste e teima en que lea o código de barras. Estou cansado de buscar esas letras que non existen, pero tamén me dá vergonza preguntarlle como se le iso; non vai ser o demo de que sexa moi sinxelo e quede de paspán ou de parvo enteiro ante o individuo que me encirra na tal lectura.


Rooster Café. Ourense. Luns, 4 de novembro de 2024

domingo, 3 de noviembre de 2024

O POEMA EMOCIONAL


Verso negro nun poema branco ou poema branco cheo de versos negros. Que máis dá, o caso é que rimen coa eternidade. Son as tres menos vinte da tarde onde o poeta recita as cores do arco da vella, que van moito máis alá, por suposto, da negrura da noite ou da brancura, do resplandor do día. O poeta mira para a mesa e contempla o que hai nela: palabras de orballo metidas en dous dicionarios, palabras do pasado en folios que, no seu momento, foron brancos... e inmaculados.

Estrofa amarela que colga dunha toxeira ou flores de toxo que axudan a rimar unha esperanza para completar toda a realidade do poema. Entre flor e flor, un verso. Entre verso e verso, un bico, unha ilusión, un desexo. Ó poema aínda lle queda para estar enteiro. O poeta intenta coser o xogo co momento, a dirección co vento e o ruído co silencio. Ó mellor, en todos os casos, chega cun simple berro. Ou cun sinxelo verso.


Poema verde de esperanza ou virtude teologal e sentimento dunhas estrofas que bambean, que se balancean entre puntos e comas, sinais e parénteses, interrogantes ou exclamacións, desde o principio deica á fin. E detrás dun poema asoma outro, e detrás deste un terceiro ata completar todo o poemario, toda a composición.

O poeta deixa de recitar, de declamar os versos. Pecha os recordos e, ás tres menos cinco da tarde, pérdese polas toxeiras con dirección ó arco da vella, sempre con esa dirección, buscando as cores dunha realidade virtual, histórica, verdadeira. Buscando o poema emocional.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 3 de novembro de 2024

sábado, 2 de noviembre de 2024

DA ESTUPIDEZ Á HECATOMBE


Do esperpento á desolación. Da estupidez á hecatombe. Da perrencha á auténtica dor. Do Balón de Ouro á Dana. Do primeiro día da semana á todos os demais días da mesma. A semana que nos deixou tivo todo iso e algo máis. Algo que aínda queda por determinar: o número total de vítimas a causa desa desolación, desa hecatombe, desa maldita dana.

Os sete días pasados empezaron coa rabecha de todo un Real Madrid (presuntamente un club de señorío) porque 100 periodistas estranxeiros (non só os da revista francesa France Football) non lle deron a súa completa confianza ó xogador brasileiro Vinicius Jr. e optaron polo español Rodrigo ou Rodri. Os afeccionados do club máis español de todos os españois danlle as costas a un español. Guiados, iso si, por unha directiva que realizou máis unha actuación de nenos de párvulos que o proceder duns adultos cun chisquiño de cabeza. Claro que, moitos, a inmensa maioría aínda non saben moi ben quen é Florentino Pérez. A súa sombra é longa coma os días de maio.


Menos mal que (quería dicir que por sorte, pero teño que optar pola desgraza) tal cabuxo duroulle pouco ós madridistas, porque unha noticia horrible, desoladora, impresionante deixou en auga de bacallau esa actitude fanfurriñeira; a desa dana que fixo estragos a zona de Valencia. E se os estragos foran tan só materiais, pois aínda, aínda. O peor é que, no momento de escribir esta columna (sábado pola noite) van xa 211 mortos.

Son un cinéfilo empedernido e tamén dos que lles gustan as películas sobre as apocalipses. Pois ben, levo visto moitas, pero nunca escenas tan devastadoras como as reais destes días. Mesmo vendo esas películas me podía imaxinar nunca o visto en imaxes periodísticas e televisivas durante estes últimos días. E ante as opinións catastróficas duns e outros, é normal que a emoción asomara por varias veces ós ollos e a impotencia me fixera inchar as veas de angustia, de dor e de pena.


Rematado o primeiro impacto, e xa desde o primeiro día, axiña intentamos buscar culpables, cando se sabe perfectamente que ante a natureza non hai nada presuntivo nin previsible. Certo que se poden mellorar moitas cousas (reforestación intensiva, cambio de localización de algunhas vilas ou aldeas, limpeza de canais, canalizacións de ríos, etc.), pero, á hora da verdade, non é tan sinxelo. O tema daría para moitas máis liñas que non me collen aquí.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de novembro de 2024

PAUPÉRRIMA COLLEITA


Saquei á cadeliña, á Chispa de paseo. Nos primeiros 50 metros leveina da correa, por se había gatos polos arredores e corría detrás deles. Despois, ó chegar a unha carrilleira, xa a soltei. Ela xa estaba esperando para que a soltase. Sabe perfectamente que a soltamos a esas alturas. A Chispa é lista, moi lista.

Eu, na man dereita, levaba unha cesta. Dentro da cesta ía unha navalla para coller setas. Aí tamén metín a correa da cadela, porque no peto do pantalón non me collía. Ós poucos metros, zas, na propia carrilleira, a primeira seta; ademais, a que realmente desexaba coller: un níscaro. A aventura empezaba ben.


A cadela, ás veces, corría, ás veces, choutaba e, ás veces, pegadiña ós meus pés. O segundo níscaro tardou en aparecer. Fíxoo nun lameiro polo que só paso na época das setas. A cadela a envorcallarse sobre a herba mollada. Ós cachos aínda asomaba a néboa que, máis cedo, debeu ser moi intensa, precisamente por iso, polo orballo existente. Ela gozaba mollándose e eu seguía coa ollada mirando e investigando o terreo.

O terceiro níscaro aínda tardou máis en aparecer. Noutro lameiro polo que si paso moitas veces, aínda que non sexa período de cogomelos. A este pegueille un bo repaso porque case nunca me decepcionou. Pero hoxe non houbo maneira; tan só conseguín ese, aínda por encima, o máis pequeno. O pesimismo notábaseme no rostro. Empezaba a intuír que marcharía para a casa con tan só tres níscaros contados. E con tan só tres cheguei. Paupérrima colleita.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de novembro de 2024

viernes, 1 de noviembre de 2024

ESPERAR


Espero. Espero que un paso leve a outro e que un detrás do outro cheguen á meta, ó final. Espero que o asubío rache o silencio e que o ruído asuma, por fin, que houbo poucas noces. Espero que as penas afoguen e os gozos, os praceres saiban nadar. Espero que un autorretrato mostre certas pingas de ansiedade. Espero berros desde o primeiro verso: por esas bombas que estralan e... matan, por eses mísiles que se lanzan e... matan, por esas balas que se disparan e... matan.

Espero que as pingas de orballo mollen as ansias, os devezos que me dominan, que o recanto dunha cama sexa coma unha ascensión ó ceo e que as gallas dos carballos solten belotas de esperanza. Espero rir para non chorar, bailar para non atrofiar, suar para vencer o medo, correr para non quedar quieto e seguir compoñendo máis versos.


Espero que os soños imposibles ou ficticios tornen a reais ou verdadeiros, que a luz da melancolía alume, ilumine a penumbra da nostalxia e que a circunferencia rache o triángulo da inercia para poder rodar e rodar. Rodar sobre un corpo nu, sobre unha nube branca, sobre unha novela barata e sobre unhas lorzas inmaculadas e desexadas. Espero o día, espero a noite, espero o tempo que vén e espero o momento no que todo chegue.

Espero. Espero un partido de fútbol que non se xoga, un café que non chega, un gol que non se marca e unha ollada que se apaga. Espero que todo empece para que algo acabe e que, o que remata, co tempo, volva empezar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 31 de outubro de 2024