domingo, 23 de noviembre de 2025

A MIÑA CIRCUNFERENCIA


Son o lado esquerdo do triángulo isósceles e a pendente do escaleno. Quero subir por esta e pónseme moi costa arriba. Quedo quieto. Son o universo que remata no planeta Venus e o salouco con intervalos de suspiros. Son o xabaril que estraga o millo e o can de palleiro que se baña no río.

Cansado ou aburrido de estar quieto, empezo a subir a costa do triángulo escaleno. No medio, sento. Penso na representación dunha idea abstracta ou nunha acción moral, onde de ordinario cada elemento representativo corresponde a un elemento da idea representada. A iso chámaselle alegoría. Ergo. Sigo camiño. Subindo. Chego á punta do triángulo e lánzome ó baleiro, a ese espazo libre que non está ocupado por corpos sólidos.


Aterro no planeta Venus e desde aí si caio na conta de que o universo é infinito. Ou non. Ó mellor ten un final que hai que andar para saber. Do principio saín. Cando chegue xa direi.

Como na caída do triángulo escaleno non me matei, agárrome ó lado dereito do triángulo isósceles. Son tamén o triángulo equilátero. Teño todo igual: a cabeza no seu sitio, os soños buscando a esperanza, a esperanza sentada na canella da melancolía e a melancolía preñada de señardade. Porque a melancolía é o pracer de estar triste.

Son a circunferencia que arrodea a todos os triángulos. Son o universo que se alonga deica o infinito e máis alá. E son o lobo que oulea desde calquera dos picos do triángulo escaleno. Son o triángulo inscrito nunha circunferencia... a miña circunferencia... o meu mundo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 22 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario