sábado, 22 de noviembre de 2025

NECESITO QUE O MUNDO SE MOVA!


Estou á espera de que aconteza algo, pero non ocorre nada. Tan só hai silencio. Mentira! Nos meus oídos métese o ruído, marabilloso ruído, dunha banda sonora. A música, aínda que sexa ruidosa, non molesta. A música non incomoda, non importuna nunca. Axuda.

Contemplo o voar dunha mosca desas de inverno, desas esfameadas que só andan a velas vir e, iso si, a molestar. Menos mal que non lle fago moito caso. Pero que non se poña a tiro, que eu son un chapamoscas profesional. Pílloas coa man dereita nun santiamén; o santi para lanzar a man aberta e o amén para pechala. Mosca cazada.


Sigo á espera de que suceda algo. Fóra da mosca que anda por aí, todo segue igual. Como a vida de Julio Iglesias. Mellor como a miña, que aquí está, gozando deste momento calmo no que non acaece nada. Tamén é verdade que é algo estraño; o de gozar con esta quietude. Adoito ser un bulebule, un charabiscas facendo sempre cousas, non estando case nunca quieto... nin en silencio. Sempre rosmo unha canción ou algún tema musical. Estes, máis ben, asubíoos. Xa me di a muller que lle caio pesado, aburrido porque sempre vou medio cantando ou medio facendo algo... porque me aburro e necesito algo.

Agora mesmo, aínda que non sucede nada, lévoo ben polo detalle de, precisamente, escribilo. Se non fora por isto, tería que estar lendo, ou picando algo, ou xogando co móbil... Necesito acción! Necesito que o mundo se mova! Non quero ser un prosma!


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 21 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario