sábado, 29 de noviembre de 2025

O OUTRO


Xusto ó pasar por diante do escaparate parei para saber como me sentaba o gorro que acababa de estrear. Vinme no cristal ó momento. Non era eu. Quen se reflectía no espello era como un eixe de carro, cando eu son máis ben como unha vara aguillada. A maiores, o home que tiña enfronte estaba practicamente calvo, mentres que eu teño unha boa mata de pelo. Branco, si, pero pelo. O peor de todo era que facía os mesmos xestos ca min. Sabía que era eu, pero fisicamente non era eu. Ten que ser o maldito espello, pensei.

Andei uns vinte metros ata que me atopei cun novo escaparate. Levei desgusto, claro. Porque volvía acontecer o mesmo. O home que se reflectía no non era eu. Só coincidiamos, iso si, no gorro. Todo o demais era distinto. Para non angustiarme, non volvín parar ante máis espellos. Nin tan sequera os miraba de esguello.


Tomei café nun amén e marchei dereito a un psicólogo. En cada escaparate que me encontraba torcía a cabeza. Non me quería ver. Non quería ver ó outro. Maldito o momento en que lle expliquei o asunto ó psicólogo. “¡Ti estás tolo!”. Así como o escribo; berroume desa maneira. E mandoume a un psiquiatra. Nin me despedín del.

Ante o psiquiatra xa tremía un pouco. Pensando no que me podía dicir. Aproveitando que no seu despacho había un espello colocoume diante del. Alí estaba o outro. E non era ningunha esquizofrenia; axiña notei a reacción do psiquiatra: a maiores de mirarme a min e ó espello, quedou mudo pero coa boca aberta. Nun arrinque inusual dun profesional da medicina, mandoume ás andrómenas, a capar grilos. Malditos espellos!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 27 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario