Debido a que ó andar me daban picadas, primeiro, nunha cadeira e, tamén, nos dous xeonllos, optei por botar a voar. Botar a voar non é tan fácil. Mesmo xa me costa despegar. Aínda que, eu, a maioría das veces, téñoo moi fácil: subo ó campanario da igrexa de Baños de Molgas e, desde aí, aseguro que se non despego, esnafro 30 metros máis abaixo contra o atrio. Como non teño ás, hai que saber manexar os brazos moi ben para manter un perfecto equilibrio, para voar polo menos medianamente.
Póndonos na situación de que voo máis ou menos ben, teño que dicir que voar é bonito, moi bonito. Agora mesmo vexo as carrilleiras da miña infancia e retrocedo xe anos para imaxinarme nelas, detrás das vacas ou con feixes de nabos ó lombo. A memoria aínda está e tamén é bonita, aínda que a realidade de agora mesmo amósame que tales carrilleiras xa non son as que eran. Por algunhas xa nin se entra. Por outras, se se entra, xa non se sae. As silveiras e matogueiras apoderáronse delas.
Voando tamén vexo as manadas de lobos que se xuntan en Outeiro Barbeiro. Un deles oulea e eu, desde as alturas, tamén ouleo. Ouleo polo tempo que foi. Algúns lobos botan a correr. Outros miran para o ceo. Eu sigo voando polo monte Medo.
Voar é bonito. Voando non doen as cadeiras nin os xeonllos. Voando soño con voar. Voo sobre a inocencia dunha idea e dun feito... o feito de voar. Estou voando. Voando é xerundio, pero o presente móstrame un espazo e un tempo no que a vida era todo un cantar. Agora, cada quen que asubíe o seu retrouso.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de novembro de 2025
Foto: Igrexa de Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario