viernes, 28 de noviembre de 2025

BARRENAR


Aquí estou xa, disposto a barrenar un pouco. Que os touros de Osborne nunca existiron, que son estafermos ficticios que, por veces, aínda meten medo. Que se vou, o normal é que volva, pero tamén podo quedar alá para sempre. Alá refírome ó planeta Plutón. Agora que xa non é un planeta anano, situado na zona de Kuiper, máis alá da órbita de Neptuno. Que de noite todos os gatos semella que son pardos, pero eu sei que é mentira. De rapaz tiven unha gata rubia, que era rubia de noite e de día, a todas as horas. Hai ditos que non proceden, que están aí porque seica din bonito.

Barreno sobre a bondade de Trump, sobre a benevolencia de Netanyahu e mesmo sobre a benignidade dalgúns alcaldiños locais que se apoltronan en posicións ditatoriais, e pensan que o mundo é seu, que o concello é seu e que as súas ideas, iso si, súas, son auténticas, legais e definitivas. Algún día pasarán á historia do inframundo, dese ambiente de marxinación que ganaron coa actitude dos seus actos.


Que baixando pola canella do desexo pego brincos olímpicos e sen participar en ningunha proba atlética. Que correndo os 100 metros lisos non atopo ningún obstáculo, ningún atranco; mentres que correndo 3 quilómetros campo a través teño que choutar valados, esquivar as gallas dos carballos e saltar algún que outro regato.

Barreno sobre a inocencia do culpable e sobre a culpabilidade do inocente, sobre o ruxerruxe do silencio e sobre o silencio do bulicio, do alboroto, do rebumbio. Barreno sobre o que quero dicir e non digo. Ou non me deixan. Porén, ás veces, barrenar é bonito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 26 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario