miércoles, 19 de noviembre de 2025

MÁIS PORCALLADAS QUE COGOMELOS


Fun ós cogomelos. Pola zona que fun sabía que non collería moita cousa. Catro níscaros xustos e oito boletos tamén xustos. Certo que só foron uns minutos e practicamente desde o carrilleira, sen meterme case nada no monte.

Atopei máis porcalladas que cogomelos. A xente tira de todo: desde lavadores a somieres, desde rodas de coches ou tractores a colchóns, desde cociñas de ferro a cestos da vendima. Xa non digo nada de obxectos ou aparellos pequenos (latas, botellas, botas, zapatillas, roupa, rellas de arado...) porque non me chegaría todo este relato para nomealos. A xente é porca. A xente non ten conciencia. A xente non ten empatía co monte, co medio ambiente.


E dicir iso, hoxe en día, é triste. Sabendo como sabemos que os concellos habilitan días para a recollida do que non pode ir nos contedores. Se o pensan friamente, é unha parvada; quédalles peor ou máis lonxe cargar con certos aparellos nun tractor ou furgón ou camión ou no mesmo coche que deixalos ó mellor á beira da casa onde haberá uns contedores ou unha zona para deixar todo iso e, logo, o concello xa se encarga.

É triste andar polos montes. Mesmo case empeza a ser triste andar ós cogomelos porque, entre as porcalladas que deixa a xente incivilizada e a desfeita que fai o xabarín, vai ser raro pillar moita cousa para comer. E hai que salientar que os cogomelos están ricos, moi ricos. Antigamente dabámoslle patadas (por descoñecemento) e agora cubrímolos con porcalladas (por porcalleiros)


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario