lunes, 11 de noviembre de 2024

TEMPO DE LÓSTREGOS


Tempo de lóstregos nos cuartos minguantes do inverno. Refulxencia na xeada que asenta na flor do toxo e o latexo do pardal vai e vén polos recunchos dunha memoria cativa, presa de si mesma. Queda entón o silencio facendo malabarismos por entre as matogueiras da rebuldaina. Aí, o tempo pasa sen facer ruído.

Lóxica pura nun pensamento de desexo que chegará (ou non), que se diluirá (ou non), que se escribirá (ou non), que se cantará (ou non), pero que sempre rimará nos versos do poema. Pura lóxica no raciocinio, no intelecto dun acordo que se cumprirá (ou non), que se recordará (ou non), que se amortizará (ou non), que se reservará (ou non), pero que sempre aumentará o poemario no transcorrer do tempo.


Queda o berro aprisionado polo fío do nobelo, como sedeño que abranga a carrada de toxos para que nada se perda, para que nada se escangalle. E tan só, ó chegar ó seu destino, cando se libere a carga, o berro sairá e verterá gozo, pracer en tal intensidade que non lle quedará outra que matar ó silencio. Berrarán as entrañas, berrarán os medos, berrarán as angustias, berrarán os devezos. E todos os berros formarán un novo nobelo de deleite, de minutos que pasarán correndo e de momentos que se farán eternos.

Tempo de lóstregos nos cuartos crecentes do inverno. Pingas de orballo sobre as ás das rulas, das pombas que, amodiño, gotean coma latexos que van e veñen polos recantos dunha existencia tenra, agarimosa, nostálxica e chea de señardade. Tempo de lóstregos na penumbra do silencio.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 11 de novembro de 2024

sábado, 9 de noviembre de 2024

INFORMADORES DE POUCA MONTA


Os efectos da Dana pola zona de Valencia seguiron ocupando toda a semana, xunto co trunfo de Donald Trump nos Estados Unidos de América, é dicir, que dunha situación catastrófica pasamos a unha calamidade, a unha traxedia política. Pero, si, alá os ianquis cos seus ideais. Ó mellor levan razón ou tamén lles pode saír o tiro pola culata. Aínda que isto daralles igual; están máis que acostumados ós seus propios tiros.

Non penso falar da política americana como tampouco penso facelo da española. Porque, de política, recoñezo que non entendo nada, pero non hai que ser un lumbreras, un portento, unha eminencia para saber o que pasou realmente o domingo día 3 cando, o pobo -iso din-, se “alzou en armas” contra Sánchez e os Reis. De que todo iso estaba orquestrado por xente de extrema dereita sóuboo desde o primeiro momento ata un neno de primaria. Ese día, e na situación na que estaban neses lugares polos que fixera tanto dano as inundacións, ó pobo, ó auténtico pobo importáballes un carallo que os fosen visitar Sánchez, Felipe, Feijóo, Abascal e a lúa inversa. Porque, eles, o pobo, o auténtico pobo, estaban a limpar as rúas e as súas casas; coas súas mans e coas cabezas postas na calamidade que estaban a vivir, en como saír dese desastre.


Porén, como no noso país temos periodistas e informadores de cagar entre o millo, ou sexa, de pouca monta, optaron pola carnaza máis fácil, a da “fuxida” de Pedro Sánchez, ó cal nin defendo nin deixo de defender, debido a que este personaxe nin me vai nin me vén, xa que do Padornelo para alá, e como diría aquel, nin auga. Non obstante, vexo moitas películas e cando nestas un dirixente se ve acosado, son os propios gardacostas os que non se lle fan nin puto caso a tal gobernante con tal de sacalo da liorta, do barullo. Os nosos xornalistas nin tan sequera quixeron intuír outro motivo de por que se chegou a esa situación. Para eles foi o pobo, o auténtico pobo (que estaba a padexar barro, a buscar seres queridos, a apuntalar casas...) o que se xuntou ante a comitiva política para bombardear a esta con barro, palas, sachos e demais aparellos de rebo, de cascallo. Os nosos articulistas son tan bos que se tiraron varios días sen decatarse do que había detrás de tal alzamento, cando, repito, un neno de párvulos o soubo desde o primeiro momento. A maiores, por suposto, de que hai moitos periodistas que sabemos moi ben de que pé coxean, cando o código ético destes debería de ser dunha neutralidade absoluta e total. O da neutralidade é un dicir.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 9 de novembro de 2024

LADRÓN DE SUBSTANTIVOS


Son o ladrón de substantivos sen substancia, sen fundamento, sen concepto, sen interese. Ou non; ó mellor tal ou cal substantivo ten interese de máis. Dependerá das circunstancias, ou dos desexos de cada un. Hai algúns substantivos complexos, complicados de descifrar, de analizar.

Roubeille silencio ó ruído e, ó momento, quedou a señardade preñada de nugalla. Roubeille ruído ó barullo e case todo quedou en silencio. Case todo, non todo; algún que outro latexo, algún que outro berro asomaba polo medio do substantivo.


Este ladrón de substantivos busca a forma de, aqueles que rouba, gardalos no caixón do tempo, ou no recanto da memoria. Pois aínda que sexan insubstanciais nunca se sabe o que deparará a redacción da vida, mesmo a lectura da existencia. Gardará o asubío de Morricone, o Love Me Tender de Presley, o polbo no garaxe e a tatuaxe sobre unha pel branca e inmaculada.

Entremedias, roubareille minutos ó tempo, sorrisos ó demo, toxos ó monte Medo, lapas ós incendios, frases ós pensamentos, bicos ós peitos, a Amaral o universo, ó ruído o silencio, a rima ós versos. Por roubar ata son capaz de roubarlle as estrelas ó ceo.

Son o ladrón daqueles substantivos que asoman por todas as etapas dun ir e vir inquedo, moitos deles escondidos en lugares que marcan un antes e un despois do tempo. Roubo un xesto de aquí, roubo unha gargallada de alá, róubolle unha canción a Paula Fernandes e unha flor amarela ó toxo. E, por último, tamén sei roubar substantivos con substancia, con fundamento, con concepto e con interese. Hai substantivos moi ricos, moi necesitados e moi apetitosos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 8 de novembro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 8 de novembro de 2024

viernes, 8 de noviembre de 2024

CHISCAR DE OLLOS


Cerro o ollo dereito e vexo media vida bailando a través do tempo. A outra andará perdida polo monte Medo. Cando algo vai e vén sempre intento chiscar un ollo. Incluso cerrando os dous, case sempre vexo a vida color de rosa, como dicía a canción. Despois xa veremos se a vivo ben ou non.

Quedo á espera de acontecementos e nada sucede. Porque desexo que nada suceda. Ás veces é mellor non saber ou non coñecer. Agora, cada quen, que lle busque as galimatías ó conto. Claro que, primeiro, hai que contar o tal conto. Ó mellor, este, está collendo po nun garaxe ou se atopa acochado detrás dun carballo, dun carballo vello, recio, nobre.


Abro os ollos e a ilusión rematou. Foi curta pero suficiente para saber que a vida segue cara á adiante e que xa non hai volta de folla. Normal, o tempo nunca retrocede. Menos mal que se almacena na memoria e, aí si, de cando en vez, botamos man del. Rectifico: sempre botamos man del; principalmente da infancia que foi. A etapa, creo, máis inocente.

Deixo que os ollos descansen un pouco para, co paso do tempo, volver chiscalos ou, simplemente, cerralos. É complicado mantelos sempre abertos. Todo cansa, todo esgota, mesmo unha sombra na distancia. Ó mellor xa é unha alucinación. Así é que, no seu descanso leo un pouco para que sigan o ritmo habitual de ver sen practicamente notar esa inercia de que os temos abertos pero repousando. Ata a vida necesita acougo de cando en cando.

Chisco o ollo dereito, chisco o ollo esquerdo e vexo a vida enteira bailando polo monte Medo; de cando tres vacas levaban tras de si a un neno. Pecho os ollos e... soño esperto.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 8 de novembro de 2024

jueves, 7 de noviembre de 2024

OS ASTROS


Hai dous días déuseme por pregoar que, á miña idade, sairía a xogar un partido de fútbol no campo da Chaira, en Baños de Molgas. Chegado o momento, e xusto cando ía saltar ó campo, rompín unha perna. Uns axiña dixeron que iso era ter mala pata, outros que non sei que dos astros e outros que era normal, que á miña idade non estaba nin tan sequera para poñer o pantalón curto.


Eu, claro, botei fóra eses pensamentos das casualidades, das coincidencias, do azar e o único que se me veu á cabeza era que estaba de ser. Foi, vaia se foi. Xa o teño dito moitas veces: as cousas son como son. Nin astros, nin milagre, nin sorte, nin farrapos de gaitas. Tamén é verdade que amola e que botamos pestes contra todas esas crenzas ou casualidades que din os demais. As cousas son como son, pero maldita sorte, por que non fixen desta maneira ou daquela, por que non saltei antes ó campo, por que non esperei un pouco máis para saltar, por que me metín en danzas, a fogueteiro, en camisa de once varas.

As cousas son como son e os astros aliñáronse de mala maneira, a mala pata estaba de ser mala, a normalidade resultou que, efectivamente, era anormal, o milagre non quixo respaldar a Xesucristo e a sorte aínda estaría durmida, xa que o partido celebrábase logo dunha boa sesta.

Astros. Calquera corpo celeste, coma o sol, as estrelas, os planetas ou os cometas. Que alguén me explique que pinta todo iso na rotura da miña perna ou na planificación con suficiente antelación dunha acción que, pobre, mandou ó traste as miñas ilusións. Será certo iso de que non estarían ben aliñados?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 5 de novembro de 2024

miércoles, 6 de noviembre de 2024

CURSO DE COSTURA


Teño tal canseira encima que nin ganas teño de estomballarme no sofá. Cústame moverme. Sigo entón sentado na cadeira na que estou e, ante o ordenador, dáseme por iniciar un cursiño de costura. Quero aprender só que sexa para coser un botón.

Unha vez contoume unha veciña que un fillo seu deixara colgado sobre unha cadeira do comedor (para que ela o vise ben) un calcetín para remendar. O calcetín seica botou alí, no mesmo sitio e na mesma posición, algo máis dun ano, ata que o fillo, derrotado, o tirou á bolsa do lixo. Non quero que me pase iso. Malo será que o curso non me ensine unhas poucas puntadas, as máis esenciais.


O meu problema coa costura empeza xa ó principio, no momento de escoller os fíos para poder iniciar o traballo correspondente. Non sabería pedir xa un nobelo de... Por oídas, creo que os hai de algodón, de seda, elásticos, de bordado, de poliéster, de nylon, de ganduxar, de la, etcétera. Por non saber nin tan sequera sei que son as farrapeiras, e iso que estou farto de lelas nun libro galego que me acompaña desde hai uns días.

Sigo tan canso que non sei se pasarei da primeira lección, da primeira hora. A maiores de que hai tanto fío que me vou enlear de carallo. Seguro que cando colla o primeiro nobelo que me vendan, non serei capaz de desenvolvelo, co sinxelo que debe ser. Ante isto, e pensándoo ben, antes de proceder, case cambio de curso. A ver se hai algún sobre vencer a galbana ou sobre coller unha boa postura nun sofá.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 4 de novembro de 2024

martes, 5 de noviembre de 2024

LECTURA DO CÓDIGO DE BARRAS


Un tipiño cun vestir bastante estrafalario díxome que lera o código de barras. Así, tal cal. Ó momento lanceille unha mirada medio torcida. Eu non vía ningunha letra por ningún lado; tan só raias e máis raias, unha maldita simboloxía que non entendía. Empecei a pensar se non me estaría tomando o pelo, comendo a boroa, como a vez que me dixeran, hai tempo xa, que lera entre liñas; que tampouco conseguira ver nin ler ningunha palabra polo espazo en branco.

Son o Narciso, o que ten a casa de pedra no Outeiro do Corno, alá por Baños de Molgas. Xa sei que non era necesario dicir que era de pedra porque é a única que hai no lugar, o que pasa é que queda bonito e máis fachendoso insinuar que teño unha boa casa. A pedra, onde o formigón, nin punto de comparación.


Vivo só, desde hai xa moitos anos. Son fillo vinculeiro e os meus pais, por desgraza, acougan xa no cemiterio parroquial. Tampouco casei nin teño fillos. O que tiven e teño, iso si, son dous pares de vacas, suficientes para darme tanto traballo que vivín e vivo toda a miña vida arrastro delas. Porén, neste momento, só penso en que mañá teño que rozar unha carrada de toxos para facerlle a cama as vacas que, as pobres, están sobre un lamazal.

Iso é mañá. Hoxe, agora mesmo, estudo a posibilidade de darlle unhas labazadas ó tipiño que insiste e teima en que lea o código de barras. Estou cansado de buscar esas letras que non existen, pero tamén me dá vergonza preguntarlle como se le iso; non vai ser o demo de que sexa moi sinxelo e quede de paspán ou de parvo enteiro ante o individuo que me encirra na tal lectura.


Rooster Café. Ourense. Luns, 4 de novembro de 2024