viernes, 11 de octubre de 2024

ARRIMAR O OMBREIRO


Por varias veces xa me dixeron que tiña que arrimar o ombreiro. Fíxenlles caso. Arrimeino á parede dunha casa. Así sigo. Por que teño que axudarlles a algúns? Eses que queren botar man de min dan a entender que eles non poden ou non queren, que son aínda máis nugalláns ca min. Por certo, eu non son nugallán, simplemente non quero axudar.

Cando lles digo que non, que son duro de roer, non tardan en mirarme de mala maneira. Alá eles! Eu só lle axudo ós necesitados, ós desvalidos, e de todos eses que me pediron axuda notábaselles ás leguas que era pola súa propia comodidade.

Arrimar o ombreiro. Que o arrimen eles! Ou tanto lles pesa unha aixada e un sacho?, tanto lles custa cargar cun amieiro e cun carballo?, tanto lles tira a gadaña e o arado? Se eses mesmos son os que cargan o burro e, para máis aquel, sóbense a el, montan enriba da carga, non vaia ser que cansen de andar.


Levo xa varios días apoiado, recostado na parede e, aínda así, non se cansan de pasar unha e outra vez pedindo axuda. Negándolla a todos, das malas miradas, non tardan e pasar ás palabras sucias, groseiras, malsoantes. Eu, nin puto caso. É máis, cando se alporizan moito, amósolles un sorriso dentífrico para que vexan o que me importan as súas ameazas.

Arrimar o ombreiro. Xa, e que eles bailen un tango sobre unha folla de loureiro ou un pasodobre sobre a galla dun castiñeiro. Eu asubío un fado e coa ollada fixa sobre a parede na que estou apoiado. Sei seguro que, co tempo, deixarán de insistir. Empezan a saber que son duro de roer.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 10 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario