jueves, 24 de octubre de 2024

AS PENAS SABEN NADAR


Tripliquei a taxa de alcohol e estou á espera de acontecementos, do que me poida vir. Mira que me dixeron que as penas saben nadar. Porén, testán coma sempre, eu quería afogalas. E fun de bar en bar, de pub en pub; vaso tras vaso e copa tras copa. Axiña notei que me aceleraba e que as malditas penas seguían aí.

Ás dúas horas ou así, o asunto xa era un desenfreo, un descontrol. As gargalladas asomaban detrás das bágoas e estas xa o facían incluso no medio das propias risas. Non controlaba. Era o fantoche, o bufón, o monicreque dos bares e, intúo, o que causaba pena ante certos actos que non se poden describir. Pensando que as penas podían afogar con máis litros de alcol, semellei unha lagoa. As condenadas nadaban e nadaban.


Pecharon os bares e mesmo cerraron os pubs; xa non había onde encher a piscina para afogar as penas. Antes de durmir entre uns contedores ou debaixo dunha ponte, aínda tiven espírito para coller o coche. Collino. A pouca consciencia que tiña era suficiente para saber e ver que o meu coche era como unha marioneta ou, máis ben, como unha serpe que corría a base de zigzaguear.

Non tardei en ver ó lonxe unhas luces amarelas que me obrigaron a frear de repente, porque tal afastamento era xusto ó momento. Dixéronme que soprase e nin tan sequera atinaba coa boquilla. Isto non é un fol, atinei a dicir. As gargalladas deles e as miñas fixéronse donas da madrugada. Ó final tripliquei a taxa de alcol. Son abstemio.


Rooster Café. Ourense. Luns, 21 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario