Quixen facerlle o harakiri a un peixe, pero, o maldito, non se deixou pescar. E iso que coñezo ben todos os recunchos, todas as revoltas do río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas, mais non houbo maneira. O maldito peixe non se deixou atrapar. Coa carraxe case me fago o harakiri a min mesmo. Porén, non procedía; amo e respecto demasiado a miña vida como para deixarme ir.
Son o fillo da Pastora, a muller do Felisindo. Chámome Olegario, aínda que todos simplifican o meu nome, pero, iso si, con cento; ou sexa, Olé. Eu, para seguir a broma, cada vez que me chaman desa maneira, fago uns pases de baile en plan flamenco e quedo coma os anxos. A min non me importa que me chamen dunha maneira ou doutra; só contesto cando me dá a gana. Xa me din que son algo raro. Alá eles cos seus pensamentos.
Ós meus pais chámanlles Os Piollos. Imaxino que é porque son pouquiña cousa. Avultan pouco. Falando claro, son ruinciños. Menos mal que eu non saían así. Son máis ben alto e, máis dunha vez, chegaron ruxerruxes ós meus oídos se non sería por culpa doutro pai. A min dáme igual. Se así fora, gozo para miña nai. Sempre fun bastante libertario coas accións e os pensamentos da xente. A min xa me chega con baixar a nado polo río Arnoia, na procura doutro peixe ó que facerlle o harakiri.
Hoxe déuseme por aí; o de perseguir peixes. O harakiri podía facerllo a calquera outro animal (ou persoa; a min mesmo, xa dixen) que me fose máis sinxelo de coller, pero non, ten que ser un peixe. Os malditos son listos de carallo; non me deixan chegar nin a cinco metros deles. Nesas ando e nesas vou seguir. Seguro que algún caerá.
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 13 de outubro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario