jueves, 10 de octubre de 2024

SINXELAS E SIMPLES, COMPLEXAS E REVIRADAS


Corrín pola costa abaixo e ó chegar ó fondo corrín pola costa arriba. As cousas son así, sinxelas, simples. Todo o que entra, sae. Aquel que vai, vén. Aínda que algún é certo que non volve nunca. Sei dalgúns que marcharon facer as Américas (o meu avó materno, por exemplo) e nunca volveron. Hai circunstancias nas que un opta polo que lle peta. Tamén os hai que non saben volver. E outros din que se non é toxo, é silva; pero tamén pode ser codeso. As cousas seguen a ser así, sinxelas, simples e, ó mesmo tempo, complexas, reviradas, incluso bastas e duras.

Corrín para un lado, corrín para o outro e imaxineime ó momento polo sen cabeza. E como tal esnafrei contra todo o que se me puxo por diante. Mais, non recuando, seguín dálle que tumba ós pros e contras da existencia. Que sempre os hai. Uns máis suaves que outros e, algúns, tan só algúns, imparciais.


Corrín por unha perna núa e descansei nunha coxa celestial. O polo sen cabeza acabou esgotado e o descanso era máis que primordial. Alí, tombado na coxa, souben que a vida ía máis alá dunhas carreiras sen control, ou sen xustificación, ou sen lóxica. O silencio imperou sobre o barullo e tan só un asubío, un pequeno e simple asubío, foi quen de alborotar o momento, ese momento bonito, e eterno, e nostálxico, e celestial.

Porén, como a vida segue, tamén eu tiven que seguir correndo. Quedar quieto non procede. A quietude, a calma atrofia os músculos, mesmo os nervios. Non é nada bo sentirse amorfo, parado, inútil. Mellor correr, aínda que se boten os bofes.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 8 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario