viernes, 11 de octubre de 2024

BORRASCAS


A semana que nos deixou transcorreu entre borrascas nacionais e internacionais. Entendendo por borrasca a climatolóxica, a deportiva e a bélica. Sobre a climatolóxica pasa o de sempre e, coma sempre, tropezamos unha e outra vez na mesma pedra: que chega un pequeno refacho de vento para que, este, erga tellados coma se foran papel. Onde? Onde vai ser!; nos edificios máis vulnerables. E cales son? Cales van ser!; os que acollen ás persoas máis indefensas, máis desvalidas: os nenos. É dicir, colexios e pavillóns. Non hai unha borrasca na que non pase algo con algunha desas edificacións: tellados que voan, muros que caen, etcétera. E a Xunta segue a permitir que se utilice certo material neses lugares, e que se siga construíndo en sitios que se sabe que, con catro pingas de auga, se asolagarán. Despois é fácil poñer un crespón negro e implantar tres ou catro días de loito oficial. Xa o confesei por varias veces: só que sexan esas dúas instalacións citadas (colexios e pavillóns), deberíanse construír como se foran búnkeres e non como edificios de xoguete, de plastilina. Evitariamos moitas mans á cabeza, moitos crespóns negros.


A borrasca deportiva chegou da man de dous cracks, que case arrasan coa nosa felicidade futbolística e tenística. Andrés Iniesta e Rafael Nadal deixan os seus deportes porque a idade non perdoa. Sei que Nadal quizais sexa o deportista máis grande que deu España, pero sinto debilidade por Iniesta. Fálase moito dos valores do de Manacor (aínda que, eu, teño unha espiña aí cravada de cando, no 2012, a Axencia Tributaria obrigou ás sociedades do tenista a cambiar o domicilio fiscal. O domicilio físico tíñao nas Baleares, pero o das sociedades estaba no País Vasco para beneficiarse dun réxime especial desta comunidade, é dicir, defraude ó canto), pero que se di da personalidade do de Fuentealbilla, que en todo o que lin sobre el non atopei unha voz discordante. Mesmo a súa timidez xa amosa que, este, Iniesta, non é capaz de matar unha mosca.


A borrasca bélica vén unha vez máis dese Netanyahu xenocida que, cada vez, dá un paso máis. Incluso non lle importa xa atacar á propia ONU, como fixo o outro día no Líbano. Aínda que a esta organización case lle está ben, pois... para que vale? Organización das Nacións Unidas. De que? Se tanto esta como toda a comunidade internacional levan xa un ano mirando para outro lado. Non coma Estados Unidos, que estes miran para os dous lados: pídenlle mesura a Netanyahu e, ó mesmo tempo, agasállano con máis armas. A certos personaxes si que os tiña que levar unha boa borrasca.



Finca Fierro. Barbadas. Venres, 11 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario