sábado, 19 de octubre de 2024

AS CANTEIRAS FUTBOLÍSTICAS


A masía é algo así como unha casa rural, con finca agrícola e gandeira que ocupa a zona nordés de España, case mellor, a zona de Aragón e Cataluña. Porén, hoxe, A Masía (así, en maiúsculas) vai máis alá do seu propio significado. A Masía, para o afeccionado futbolístico, é algo máis que unha construción rural: máis ben, unha fábrica de producir xogadores de fútbol a darlle cun sacho. Produce tanto e tan bos que, intúo, que aquel ó que non lle gusta o fútbol, sabe perfectamente de que vai o asunto. Porque levamos uns anos que, futbolisticamente, non se fala doutra cousa.

Onte fixo 45 anos (en 1979) que se inaugurou o centro de formación das divisións inferiores do Fútbol Club Barcelona, é dicir, a canteira do Barça. Na actualidade conta con 13 equipos filiais onde forma tanto futbolística como educacionalmente ós posibles futuros xogadores do primeiro equipo. Toma o seu nome da súa sede orixinal, a masía de Can Planes, unha antiga casa de campo construída en 1702. Certo que o 30 de xuño de 2011, tal edificio pechou para darlle paso a un novo centro formativo e residencial, situado na Cidade Deportiva Joan Gamper.


Falar dos xogadores que pasaron por aí sería o conto de nunca acabar. Pero está demostrado que, “as canteiras”, é o mellor que lle pode pasar a calquera club deportivo, pois, a maiores de non ter que buscar fóra das fronteiras ou fóra mesmo do propio club, os seus participantes asoman xa cuns valores e modelos propios, únicos. Demostrárono moi ben aquela famosa Quinta do Voitre do Real Madrid (quen te viu e quen te ve); a de Mareo, correspondente ó Sporting de Xixón; e mesmo hoxe, tan en voga, a do noso Celtiña.

As canteiras futbolísticas non só aportan xogadores para o propio club, senón que, ante tal cantidade de rapaces, son quen de espallalos por todo o territorio futbolístico. Neste último caso temos hoxe en día ó Real Madrid, xa que para o seu propio primeiro cadro de xogadores, a cantidade de rapaces brilla pola súa ausencia. Nunca estivo tan mal arroupado! Para España é un pouco triste que o club máis laureado deste país teña tan só un xogador nacional (Carbajal). Si, xa sei que ten algún máis, pero realmente só xoga este. Ata os adestradores son estranxeiros. No corpo técnico teñen a un dos nosos: a Chendo como delegado de campo. E para de contar. A maquinaria do poder non ten fronteiras.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 19 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario