lunes, 21 de octubre de 2024

PREGUIZA NO LOMBO


Tres cadeliños pola beirarrúa e tres pombas por entre as mesas da terraza buscándose a vida. Gargalladas a carradas desde unha mesa que hai ó lado. O ruído, por suposto, impera sobre o silencio; non só a causa desas risas, senón tamén da música que sae polos meus auriculares. Porque a tarde dominical, sen música, non é tarde; nin dominical nin semanal.

Quero voar sobre os tellados da Valenzá para acabar aterrando na rúa da Igrexa de Baños de Molgas; porén, teño tanta preguiza sobre o meu lombo que me custa un mundo abrir tan só as ás. Así é que aquí seguirei escoitando a Patxi Andion. Á rúa da Igrexa se non vou, é igual, sempre está en min.


Non sei se deixe caer a cabeza sobre a mesa. É que me pesa unha barbaridade. Cando non hai ganas de facer nada, todo cansa. Ata a propia galbana. Claro que, agora mesmo, métese polos oídos Daniel Magal con “Cara de xitana” e os recordos, os tempos aqueles fan que siga o ritmo da canción cos pés. A música hai que vivila e deixarse de caralladas.

Ás cinco menos cuarto da tarde o domingo está gris; no tempo e no ambiente. Só de cando en cando seguen as gargalladas da mesa do lado. Agora son Shu-de os que cantan “Durgen Chugaa”. Música a esgalla e mestura de ritmos. Mellor; sempre a mesma música chega a aburrir.

Un xornal sobre a mesa, unha cunca de café baleira, unhas farrapeiras na cabeza, unhas tatuaxes á descuberta, unha vagancia, unha desidia que non se vai, que non desaparece e o tempo que non para. Este dálle paso a Marty Robbins con “Don´t Worry”. Chegan as presas. Marcho, que teño que marchar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 20 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario