domingo, 20 de octubre de 2024

ÁS 16:37


Estirei a pata e deixeime ir. Escribo desde o máis alá co conto de acá. Foi exactamente ás 16:37 cando me pegaron un tiro no centro mesmo do corazón. Para min que o tiro saíulles de chorra. Uso o plural -aínda que só me atinase un- porque eran tres os condenados que asomaron pola esquina do canellón. Unha canella na que, a pesar de ser de día, non había ninguén; talvez porque, á causa da canícula existente, a xente estaría coa sesta.


Cando vin aparecer os tres mozos, o asunto xa me cheirou mal, aínda que, iso si, eu xa lles sorrín desde a distancia porque, detrás do sorriso, soltaría o típico saúdo. Mesmo sendo mozos, ninguén desmerece un saúdo. Non me deron tempo nin de pensar máis; o rapaz do medio, coma un lóstrego, sacou a pistola e, sen apuntar, disparou. De aí que pense que fose de chorra a puta puntería. No centro mesmo do corazón!

Nin tempo tiven de ver como fuxían. Souben que o fixeron porque... que ían facer a esas horas? Ás 16:37. Nunca morrera a esa horas tan españolas da sesta. A verdade é que nunca morrera antes. Esa foi a primeira e única vez. O que máis me rebenta é que fora precisamente a esa hora. Se aínda fose pola noite, cando todos os gatos son pardos, aínda tería un pase: mesmo intúo que podía facelo felizmente, pero en pleno día non me entraba na cabeza. Só pensei isto nun suspiro. Non tiven tempo para máis.

Dei a derradeira boqueada e deixeime ir. Agora só quedan uns responsos e algunha misa de réquiem. Pero isto xa non corre da miña conta. Déixovos acá que eu xa estou no máis alá.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 18 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario